Faro de Vigo

Contigo, cada día más


Cómo es el voto presencial en mesa electoral en Galicia - Faro de Vigo

¿Onde teño que votar?

Cada elector/a recibirá da Oficina do Censo Electoral un cartón censal cos datos actualizados da súa inscrición no Censo electoral e da sección e mesa na que lle corresponde votar. A Oficina do Censo Electoral comunicará igualmente aos electores afectados as modificacións de seccións, locais ou mesas que puidesen producirse.

¿É necesario o cartón electoral para votar?

Non. O cartón electoral é enviado aos electores/as pola oficina do censo para informalos da súa inscrición nas listas censuais, a súa sección e a mesa na que deben votar pero non é necesario levalo para votar.

¿Pode unha persoa votar por outra?

Non, en ningún caso. O voto é intransferible e non pode exercerse por delegación. Se unha persoa está impedida ou ten dificultades para votar, pode votar por correo ou pedir axuda de alguén da súa confianza para preparar o seu voto e acompañala a votar.

¿Que hai que facer cando se vai votar se non se atopan as papeletas dunha candidatura?

Nas mesas electorais non poden faltar papeletas de ningunha das candidaturas que se presenten ás eleccións. Deben estar situadas nas cabinas de voto ou preto delas. Se faltasen papeletas dalgunha candidatura, indíqueo ao/á presidente/a da mesa, que ten a obrigación de suspender a votación até que se corrixa esa anomalía.

¿Que facer se algunha persoa ou grupo coacciona ou intimida aos votantes?

Comuníqueo ao/á presidente/a da mesa, que posúe a obrigación de velar porque nada impida a liberdade de voto dos/as electores/as no colexio electoral e nas súas inmediacións, e pode ordenar ás forzas de seguridade que actúen para evitalo.

¿Que facer se alguén realiza propaganda electoral nas proximidades do colexio electoral?

Comuníqueo ao/á presidente/a da mesa. Todo acto de propaganda electoral está prohibido durante a xornada electoral e o/a presidente/a de cada mesa debe velar para evitar que se faga propaganda electoral no colexio electoral, nos seus accesos e nas súas inmediacións. (Débese ter en conta, que as candidaturas non están obrigadas a retirar os carteis electorais e as tapias que puidesen ser colocados durante a campaña, nas proximidades dos colexios. Así mesmo, os/as interventores/as e apoderados/as están autorizados/as a levar, para a súa identificación, distintivos e siglas da súa candidatura, sen que iso se considere propaganda electoral).

¿Que facer cando alguén ten dúbidas sobre a identidade dun/unha votante?

No caso de que na mesa, un/unha interventor/a, apoderado/a, ou outro/a elector/a teñan dúbidas sobre a identidade dun/unha votante, a mesa, á vista dos documentos presentados, decide por maioría. Estas circunstancias anótanse na acta da sesión, para que se poidan esixir responsabilidades dos/as que resulten usurpadores/as de nome alleo.

¿Poden realizarse enquisas na xornada electoral? ¿Onde?

Está prohibida a publicación e difusión de sondaxes electorais desde cinco días antes da xornada electoral, pero non está prohibido realizar enquisas para sondaxes electorais en ningún outro momento, nin o mesmo día das eleccións. De feito, por encargo de diversos medios de comunicación e dalgúns partidos e institucións públicas, realizaranse enquisas á saída dos colexios electorais co fin de anticipar estimacións dos resultados inmediatamente ou nun prazo breve despois da fin da votación. Estas entrevistas están autorizadas, sempre que non se realicen no interior dos colexios e que non perturben o acceso dos/as electores/as aos colexios.

¿Quen pode entrar nos locais electorais?

  • Os/as representantes da administración
  • Os/as xuíces de instrución e os seus delegados/as.
  • Os membros das Xuntas Electorais.
  • Os/as axentes da autoridade que o/a presidente/a requira.
  • Os/as notarios para dar fe de calquera acto relacionado coa elección e que non se opoña ao segredo de votación. Só poderán dar fe dos actos relacionados coa elección, mesmo fóra da súa demarcación, pero sempre dentro da mesma provincia e sen necesidade de autorización especial.
  • Os/as interventores/as.
  • Os/as apoderados/as das candidaturas.
  • Quen forme parte das candidaturas.
  • Os/as representantes das candidaturas.
  • Os/as electores/as das mesas e as persoas que deban prestarlles asistencia, se o precisan.

¿Que facer se se observa algunha irregularidade durante a votación?

Calquera elector/a que observe algunha irregularidade durante a votación pode manifestala á mesa e a súa protesta ou reclamación debería facerse constar na acta de sesión.

¿Se o día das eleccións é para min laborable, teño algún dereito a ausentarme do meu traballo para poder ir votar?

A Administración, adoptará as medidas precisas para que os/as electores/as que presten os seus servizos o día das eleccións poidan dispor no seu horario laboral de até catro horas libres para o exercicio do dereito ao voto, que serán retribuídas. Cando o traballo se prestase en xornada reducida, efectúase a correspondente redución proporcional do permiso.
No caso de persoas que por estar a realizar funcións lonxe do seu domicilio habitual ou noutras condicións das que se deriven dificultade para exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, as medidas precisas que se adoptarán irán encamiñadas a que estas persoas poidan votar por correo e conten para iso con permiso de até catro horas libres para poder solicitalo segundo o procedemento establecido no artigo 72 da Lei orgánica do réxime electoral xeral.