Compartir
Compartir esta página

E despois da xeada, qué?

E despois da xeada, qué?

Tamén é verdade que unha reducción de producción vai axudar á maduración. Se o clima acompaña, non ten por que existir merma de calidade

Paco Rego, viticultor

 A xeada tivo distintos graos de incidencia. Desde plantas con apenas algúns pámpanos tocados nas puntas ata outras ás que parece que “lles pasaron un soplete”. A recuperación para a campaña seguinte pode ser completa. As choivas destes días axudan, especialmente nos terrenos máis resecos, afectados pola escasez de precipitacións invernais. A actuación post-xeada será en función das afectacións. Hai viñas nas que a a xeada atacou por igual, e outras nas que se observan diferenzas mesmo entre plantas moi cercanas. A rasgos xerais, diferenciaremos tres situacións: plantas pouco afectadas, petiscadas nalgunhas puntas, onde a maioría dos acios se salvaron; plantas parcialmente afectadas con case que todos os acios están tocados; e terceira, plantas afectadas na totalidade dos órganos verdes emitidos.

Na primeira das situacións, as puntas queimadas frean o ascenso de seiva. Isto vai propiciar a proliferación de netas. Para evitar estas ramalladas, compre agardar uns días, logo seleccionar a neta mellor disposta en cada pámpano, eliminando as outras. Procúrase reconstruir o porte que tiñan os pámpanos antes de seren afectados, evitando a indesexable “basoira”.

Na segunda, a falta de acios viables fai precisa a repoda. As xemas das varas e cotóns, gardan no seu interior os conos vexetativos. No medio un principal, rodeado dun, dous ou máis secundarios. Estes son os reservas, caso de que o principal sufra algunha incidencia. O cono principal porta rudimentos de acios, que foran preformados no verán anterior. Os conos secundarios son menos fértiles, pero cando agroman poden aportar unha colleita respectable, especialmente nalgunhas castes. Para forzar que agromen hai que repodar. Facéndoo impédese que agromen as netas dos nós superiores, que inhibirían a súa saída. O punto de repoda é aquel que sinala a inserción do pámpano na base. Coincide coa transición, na base do gromo, da cor verde do pámpano á franxiña castaño clara da inserción. É nas beiras desta franxiña onde se aloxan, en espera, os conos secundarios. Os cortes han ser limpos e precisos. Tesoiras moi ben afiadas. Usar lentes de cerca cando se precisen. Este ano xurdiron moitas agromadas duplas e mesmo triples, nas que rebentaron o cono principal e todos ou parte dos secundarios. Haberá que repodar igualmente, ainda que non tan a rentes. Pasado un tempo, de asomar algún secundario, entón céganse as agromadas das netas para que non lle fagan competencia. Xemas cegas, contracegas e da coroa fican moitas veces dormidas. Tampouco é extraño ver varas ou cotóns con xemas francas que non deron agromado, tal vez por deixar exceso de carga na poda de inverno. De convenir contar con elas, estimúlase a súa agromada recortando as podads de inverno. Cegando os gromos das puntas das varas ou cotóns conséguese o mesmo efecto.

Hai autores que recomendan arrancar os gromos afectados en vez de repodar. Isto pode ser válido se son moi pequenos, ao non estaren aínda ben afirmados na base. Cando son grandes é mellor repodar, evitando producir desgarros que levarían consigo a moitos conos secundarios.

Na terceira das situacións, en principio non fai falta podar. Con todo o verde queimado, non haberá agromada de netas; por tanto os conos secundarios non sufrirán competencia. De estaren intactos, agromarán sen dificuldade. No entanto, cando a agromada afectada estaba desenvolvida, é mellor repodar, por hixiene e para deixar o camiño libre aos conos secundarios.

En canto á data ideal, compre repodar cando veña unha certa estabilidade climática, non vaia ser que repita a xeada. Inmediato a poda debe aplicarse un produto cicatrizante, aproveitando as horas do día en que os choros son menores. O captan, con efectos antimildio, antibotryte, cicatrizante e estimulante compría ben o obxectivo. Por non estar autorizado en viña no seu lugar recoméndase o folpet. En viticultura ecolóxica hai productos alternativos. Os fertilizantes e estimulantes actúan cando a cepa ten folla para absorbelos. 

Unha viña ben coidada é o mellor garante para unha pronta recuperación. As plantiñas novas teñen menos defensa. Segundo que estean protexidas por tubos ou non, varía a afectación. Aquí a prioridade non é recuperar parte da producción, senón a formación da planta. A calidade da colleita vai depender dos ciclos das castes e de como decorra o verán. 

O “reinicio” despois da xeada supón un retraso considerable. Tamén é verdade que a reducción de producción vai axudar á maduración. Se o clima acompaña, non ten por que existir merma de calidade. E o que é máis importante, coa repoda o viticultor reorganiza a planta, buscando ter unha poda cómoda para o inverno seguinte.

As xemas cegas e as basilares que non agromaron poden ter certa fertilidade.Para obrigalas a saír, pódense recortar un chisco os cotóns e as varas, eliminando así os gromos da punta. Cegándoos conséguese o mesmo efecto. Os restantes gromos céganse.

nulo
Imagen-Cepas
Las mejores bodegas de Galicia

Muchas décadas acompañan a la bodegas de Galicia elaborando vinos con gran pasión, cuidado, cariño y con una de las mejores materias primas del Mundo.

Ver bodegas
Vinos con denominación de Origen

Galicia es una tierra de buenos vinos. En sus viñedos están los secretos de los vinos de las Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras y Monterrei.

Ver vinos
Mapa de bodegas de Galicia

Encontrarás todas las bodegas de Galicia geolocalizadas en Google Maps y utilizar StreetView para dar un paseo virtual por sus instalaciones.

Ir al mapa