EXTREMA NORMALIDADE
Dioivo son un especular xogo de paradoxos: rapaces do común con aspecto de rapaces do común facendo algo fóra da norma: metal extremo, afastado dos estereotipos do xénero, en galego e en formato dúo. Por se fose pouco, un deles declárase seareiro de La Oreja de Van Gogh. “No mundo black o orixinal é sermos normais”, acaba resumindo entre risas Daniel Valladares (Vigo, 1996), batería da parella. Antes, o seu compañeiro á voz e á guitarra, Jacobo Mouriño, mesma quinta e mesma orixe, reflexionara sobre a súa estética casual: “É unha forma de reivindicar que calquera pode escoitar [e facer] metal, que non tes que vestir sempre de negro e estar enfadado”. Coa pinta que cadaquén considere se lles poderá ver en directo o próximo 16 de novembro na sala viguesa Transylvania. Alí tocarán as cancións do seu primeiro disco de longa duración, II, co que apañaron moi boas críticas na escena estatal.
Nun día gris pero sen trebóns cítannos en pleno corazón industrial de Vigo, nesa Beiramar que, unha vez máis, está a vivir tempos convulsos. “Familias na rúa, pero todo vai ben / Choran os nenos, un día máis sen comer”, berra Jacobo en ‘O momento é xa’. Non, Dioivo non fala de ritos satánicos nas súas letras, como indica o tópico sobre o seu estilo, fano sobre cuestións sociais, sobre a situación da lingua ou sobre a natureza. O cantante aclara que o do satanismo no black é algo que persiste no imaxinario porque os primeiros grupos do xénero si que o tiñan como ingrediente esencial, adobiado con anécdotas moi macabras. “Pero xa case non se fai”, apunta. En verdade, o músico recoñece que adoita ficar pouco satisfeito coas letras que escribe e tira de retranca para expoñer as bondades dos guturais nese senso: “Como non te entenden, podes falar do que sexa. Se en directo esquezo algún verso fago berros aleatorios e rara vez alguén se decata”.
Compoñer e executar a música é o que de verdade lles emociona, cunha produtividade que a súa economía de supervivencia non lles permite trasladar ao estudio de gravación ao ritmo que lles gustaría. De momento lanzaron un primeiro EP autoproducido, o citado II, xa cun selo discográfico e coa salientable produción de Zoilo Unreal, e agora contan con poder ter material novo para principios do 2020.
A súa proposta é moi melódica, baseada en riffs de guitarra que se impoñen con limpeza nas partes instrumentais. “Para ben ou para mal non é black ao uso. Temos moitas influencias, incluso doutros estilos fóra do metal, que xa é amplísimo”. Por exemplo, no medio da treboada poden introducir un interludio de reminiscencias clásicas. Jacobo aprendeu guitarra, en Mayeusis primeiro e na Escola Municipal de Vigo despois, con eses fundamentos da música culta. “Hai músicos que me din que inda se me nota na forma de tocar, pero se me vise o meu vello profesor diríame que fatal a técnica”, chancea.
É o dúo unha formación en auxe en distintas variantes do rock. Aí están as galegas Bala ou os vascos Niña Coyote eta Chico Tornado, por poñer un par de casos frescos. Eles empezaron coa fórmula, e tamén co estilo, un pouco por casualidade. Tocaban xuntos na banda de trash Rust in Peace cando apareceu a convocatoria dun concurso de versións de Rosalía de Castro por parte do Concello de Vigo -ensaian nos locais do Vigosónico-. Como eran os dous membros do grupo que máis ían ensaiar decidiron preparar algo ex novo para ese premio, e pensaron que facelo en chave black metal era unha boa idea. Musicaron ‘Sempre pola morte esperas’ e, inda que non levaron o recoñecemento, decidiron seguir adiante coa idea.
Ao principio, conta Dani, pensaron en meter un terceiro membro, pero a cousa empezou a funcionar e desbotaron a opción. “Todo é máis cómodo e máis barato”, expón o batería. Cando toca pagar algo hai que poñer máis, pero tamén se hai oportunidade de repartir saen máis beneficiados. Semella un formato para tempos de crise. “Si, metal low cost”, sentencia cun sorriso Jacobo. Máis adiante, o guitarrista completa o asunto: “Hai menos discusións. O único é que non podemos desempatar con votos, sempre un ten que convencer ao outro”. Metal low cost e consensual.
Con respecto ao asunto da lingua, tamén apostaron por seguir co idioma do país a partir da canción inicial: “Queriamos facer algo en galego. Por desgraza non é moi habitual que haxa bandas de metal que o empreguen nas letras. Hai grandes grupos que si o fan, pero somos relativamente poucos, comparado con outros estilos [folk, punk]. Así que dixemos, adiante”. No black, ademais, hai moita tradición de bandas cantando nas máis variadas linguas, pola arraigamento do estilo no norte de Europa e, en particular, en Escandinavia. “E a nivel de Estado, as zonas máis activas son Euskadi, Galicia ou Barcelona… É máis unha vantaxe ca un problema”, apunta Dani, sobre como lles afecta á hora de moverse fóra de Galicia. O seu disco, editado pola discográfica malagueña Darkwoods, obtivo difusión e boas críticas alén do Padornelo.
A estas alturas do texto non parece probable que alguén vincule a Dioivo con outro dos estereotipos asociados ao seu xénero, o da tendencia ultradereitista dos grupos que o practican. “Por sorte en Galicia e no Estado non hai unha escena de black metal nazi, pero si que existe en Escandinavia ou Europa do Leste. Unha das bandas fundadores do estilo, Burzum, si que era nazi. Estamos absolutamente en contra, claro. Por fortuna nunca tivemos que tocar cunha banda así e non creo que se dea a situación, así que non nos preocupa”, expón Jacobo. Tampouco están moi nerviosos polo ascenso da ultradereita española. “É unha cousa de ‘pijos’, non é como en Francia, que atrae á clase traballadora. Ademais en Galicia o voto de dereitas é moi fiel”, fían a dúo.
No tópico -aplicable ao 99 por cento dos músicos- no que si encaixan é no de tocar por amor ao arte. “É absolutamente imposible vivir disto”, asevera Jacobo. “Tes que tomalo como un pasatempo, porque é algo que te apaixoa”. E, malia a precariedade, comentan que si existe unha crecente escena black en Galicia, con nomes como os dos vigueses Dantalion e os ourensáns Xerión. O problema, din, está máis en onde tocar que en escoller compañeiros cos que compartir palco. “Cada vez hai menos salas e ao facer algo tan específico é máis complicado”. Remata a conversa e comeza a poallar. Para o Dioivo haberá que agardar ao sábado 16.
A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS
O voso grupo/artista de Vigo favorito:
Dioivo: Dantalion e The Mirage
Un sitio para tocar en Vigo:
Dioivo: Frenopátiko ou Transylvania
O mellor concerto de Castrelos:
Dioivo: O de Anthrax e Aphonnic en 2016, ou o de Roger Hodgson.
Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.
Dioivo: Desvirgheitors, a primeira banda de metal da cidade.
The next big thing da escena viguesa
Dioivo: Tenue, da Guarda, e Mileth.
Que opinades da escena musical en Vigo?
Dioivo: Ten unha variedade e calidade enorme, e cun apoio institucional axeitado aos diferentes estilos que a conforman, pode ser absolutamente punteira en todo o Estado.
QUEN É QUEN
Daniel Valladares Otero, batería:
Vigués do 1996, participou na fundación de Rust In Peace, en 2012. Colaborou brevemente nun grupo de versións do programa infantil ‘O Xabarín Club’ en 2016. Ese mesmo ano deixou Rust In Peace para fundar Dioivo xunta a Jacobo.
Jacobo Mouriño Almeida, voz e guitarra:
Do mesma camada co seu compañeiro, uniuse a Rust In Peace en 2014. Xuntos crearon Dioivo en 2016, e o ano seguinte pasou a formar parte de Mileth, banda na que continúa activo. Durante 2018 tocou con Utopian Visions of Earth.