A REVOLTA EMPEZA POLOS AFECTOS
Cando os ecos das miles de mulleres que o 8-M berraron pola igualdade inda retumban nas rúas galegas, un vello lema feminista ben pode resumir a esencia de Ilegal, a nova achega do combo de rap Rebeliom do Inframundo: o persoal é político e, cómpre engadir, a revolta contra o estado de cousas no mundo empeza nos afectos, nas apertas, na empatía. “Ti sangras, eu sangro; ti súas, eu súo”, di a súa voz principal, Nervo, que ás veces fai versos mentres fala. O terceiro disco da banda viguesa, con orixe en Ponteareas, supura paixón -por momentos enrabechada, outros máis suave, outros aínda desesperada-, a mesma que prometen na presentación ao vivo, este sábado, día 16, na sala Masterclub: “Morreremos nese bolo”.
Entre quendas laborais, obrigas familiares e compromisos do grupo atopamos un oco ao sol do luns que quenta a praza do mercado de Teis para falar co Mc que asina a meirande parte de textos do álbum. Así explica Nervo a filosofía do traballo: “Parece que é ilegal que eu che dea unha aperta, que sintas amor cara a alguén, que axudes a outra persoa. Parece que só é legal ir polo seu rego, pola súa cadea de traballo e de pensamento. Parece que o amor non existe”.
Nun disco de atmosfera lírica tan densa tamén hai espazo para un tema vacilón, un clásico da tradición rap. É ‘Run Madafaka’, con versos como “o teu rollo progre taleguero non o creo” ou “aí están sacando selfis todos contentos, son coma un can cun frisbee e algo de penso”. “Estaba no traballo cando a escribín. Disto que abres as redes sociais e dis ‘buff, canta peña fardando de merdas’”. Non quere desvelar a quen vai dirixido –“a quen se sinta ofendido”-, pero salienta que a todo o grupo lle saca un sorriso cando a escoitan ou interpretan.
A Rebeliom do Inframundo ao completo, en Desguaces Gil | Alberto Lora
Rebeliom do Inframundo son un grupo de rap de aire clásico, que reivindica o scratch e o boom bap (ritmo básico de bombo e caixa), pero non se pechan a incorporar elementos doutros estilos. En Ilegal hai guitarras roqueiras, ritmos reggae, bases electrónicas a dobre tempo e ata música tradicional galega, na voz de Iria Medranho, a compañeira de Nervo. “Nós somos moi brutos, moi duros, e ela dálle ese toque de dozura. Por que non xuntar o popular cunha música moderna como o rap?”, reivindica, e conclúe: “Hai que meter cousas novas para non ancorarte no de sempre, senón é aburridísimo”.
Nervo matiza un par de lugares comúns sobre o hip hop, o do machismo e o da egolatría. “Claro que hai rapeiros machistas, coma metaleiros, roqueiros… porque a sociedade é totalmente patriarcal”. E si, ve comportamentos dese tipo na escena, como tamén “nos traballos e no supermercado”. Nese senso, ademais de resaltar o seu apoio á causa feminista, salienta que están a saír unha morea de voces femininas no rap, como as barcelonesas Tribade. Aplica a mesma lóxica a ese tópico dos Mc loitando por ser o galo do curral: “Iso pasa en todas as músicas, non só no rap. Ti sobes ao escenario e queres ser mellor que o grupo anterior (…) Quen diga que non quere iso, minte”.
Arriba, Nervo e Ichi; no medio, Frank; abaixo, Malvares. O oco baleiro é para Movementss, que a última hora non puido asistir á sesión de fotos. | J. Lores
O certo é que sen esa mestura de ambición e paixón case relixiosa pola música é difícil de entender que se poida manter viva unha banda así ao longo dos tempo. Nervo di que “fan malabares” para sacar tempo para ensaiar e crear, pero a expresión fica curta, con dous dos membros traballando na mesma empresa en quendas inversas, outro vivindo en Padrón, outro máis cos horarios imposibles dos panadeiros. O quinto, Movementss, non puido asistir á sesión de fotos, logo de facer encaixe de Camariñas para pórlle data e hora, porque no último intre tivo que prolongar a súa xornada laboral. “É unha loucura; ou mólache moito ou non o farías nunca”.
Van 14 anos dende que uns colegas de Ponteareas seareiros do rap que paraban no ‘inframundo’ -un grupo de edificios que estaban a medio construír- decidiron montar a súa rebelión. Houbo cambios na banda e xa non son aqueles rapaces de 18 anos que gastaban os seus poucos cartos noutros asuntos alleos á música: publicaron o seu primeiro disco en 2012, A sorpresa, porque ata 2010 non tiñan nin ordenador nin microfonía para gravar. Mais unha idea permanece, a de sementar para logo recoller, como eles mesmos dicían nunha entrevista hai anos. “Se non sementas guai, logo vas recoller hostias”, sentencia agora Nervo, a quen se lle ilumina a mirada cando lembra como un grupo de rapaces coas caras pintadas desprazouse máis de 20 quilómetros para velos no seu último concerto en Sant Boi de Llobregat. A humildade ten un prezo e, ás veces, tamén recompensa.
La música de Vigo, en seis preguntas
Tu grupo/artista de Vigo favorito:
Nervo: Woyza.
Un sitio para tocar en Vigo:
Nervo: Na Sala Masterclub.
El mejor concierto de Castrelos:
Nervo: Public Enemy ou Emir Kusturica.
Un grupo/artista de Vigo al que reivindicar
Nervo: 2Pas0s.
The next big thing de la escena viguesa
Nervo: A volta de Skacha.
¿Qué opináis de la escena musical en Vigo?
Nervo: O pobo que canta non morre nunca e Vigo é inmortal.
Quen é quen
Malvares de Moscoso: Mc
Integrante dun dos grupos pioneiros do hip hop en galego, Trasnos de Mosco, e antigo membro de Track Asedio. Leva toda unha vida nisto do rap e dende 2012 forma parte activa de Rebeliom do Inframundo, «dando calor coa súa voz como Mc». Ademais, ten os seus traballos en solitario para Lingua Nativa xunto a J.CNNR. Tamén ten unha participación activa no Festival Keruack, co que recitou as súas verbas tanto polo Estado español como polo extranxeiro, chegando a facer recitais en cidades coma Nova Ioque.
Movementss: produtor
Un clásico do rap en Vigo, antigo membro do colectivo Track Asedio, 9 puntos similares, Arquestra e membro de Verso Libre e True Cerdis. Leva unha grande bagaxe nisto do hip hop en Galicia. Forma parte de Rebeliom do Inframundo dende o ano 2011 no que gravou moitos dos temas da banda. Productor do grupo, é un dos beatmakers mais respetados do país grazas a todo o traballo que leva as suas costas. Tamén Mc en solitario, cedo sacará á luz o seu segundo traballo.
Ichi: Dj
Uniuse a Rebeliom do Inframundo en 2014 «para demostrar que é, sen dúbida algunha, un dos mellores Dj do panorama». Leva unha grande historia nisto do hip hop da Galiza, sendo Dj de colectivos como Verso Libre ou chegando a inmiscuirse en traballos de jazz como os da banda A tribu. «Un dos Dj referente na Galiza que non deixa a ninguén indiferente nos seus directos».
Frank: productor e Mc
No grupo dende 2014. Sempre estivo convivindo xunto a banda até que a vida decidiu unilo a Rebeliom do Inframundo oficialmente nesa data. Un dos produtores mais recoñecidos na Galiza. Leva toda unha vida nisto do hip hop. É un freestailer e Mc recoñecido. Ten un gran percorrido con traballos en solitario, con 37 Estudios e Verso Libre. A día de hoxe tamén forma un grupo con 2Pas0S, que sacarán un disco en breve.