Xoana

UNHA NOVA VOZ PARA PRENDER LUMES

Os camiños da industria musical son inescrutables, pero as calidades das artistas, inda que debatibles, non son tan difíciles de percibir. Que a porriñesa Xoana Veiga Martínez, 20 anos, logre facerse un oco no mundo da música está por ver e dependerá dunha chea de factores. Que ten os vimbios para conseguilo, tamén a nivel mainstream, non se discute: a súa voz, poderosa coma a dunha diva soul e versátil coma a dunha estrela pop, fala por ela. E faino en galego, a súa lingua materna, a que abandonou no seu paso pola escola e recuperou cando, hai dous anos, entrou na universidade e empezou a preparar o seu primeiro disco, Dardos, publicado en decembro de 2018.

O certo é que pouca xente escoitara falar de Xoana -ese é o seu nome artístico- antes da súa sorprendente aparición nas candidaturas dos prestixiosos Premios de la Música Independiente (MIN). A votación popular levouna ás semifinais de sete categorías; nesa fase o xurado deixouna nunha final, a de mellor disco en galego, xunto a nomes ben máis coñecidos: Mercedes Peón, Ezetaerre, Chicharrón e Tanxugueiras. “Fíxome moita ilusión, o que quería [ao presentarse aos galardóns] era mover o proxecto e que souberan que existo. Aí estamos”.

Portela encargouse de compoñer a música e a proxenitora asumiu a parte lírica. “Nese momento [con 18 anos] eu cría que non estaba á altura de facer unhas letras que me convencesen; quería uns textos moi reivindicativos e moi directos e pensei que non podía dar a talla para facer algo que me gustase 100%”. Xoana exprésase coa sinceridade e naturalidade das que non se poñen a roupa de traballo para falar coa prensa. “Non me fago publicidade ningunha”, solta logo de respostar sen moita pirotecnia -”o mellor do concerto é que hai moita variedade”- a como son as súas actuacións ao vivo.

Xoana, prendendo lumes en directo | Andreia Teijeira

Xoana, prendendo lumes en directo | Andreia Teijeira

Se Dardos é a estrea discográfica de Xoana, tamén é a primeira vez que os textos da nai, profesora nun colexio de Vigo, chegan ao público. “Sempre lle gustou escribir, o que pasa é que nunca quixo ensinarllo a ninguén, nin sequera ao meu pai nin a min. Eu díxenlle, ‘por que non me escribes algo e o musicamos’”. Como o resultado foi satisfactorio pediulle máis, ata completar os 10 temas que conforman o álbum. O contido incide no social -emigración, violencia de xénero, a situación do galego, etc.-, porque, pensa a cantante, os tempos así o demandan: “Fai falta dicir as cousas claras e reivindicalas. É un dos papeis máis importantes da música”.

No musical, en Dardos a súa voz imponse de principio a fin. Mais queda tamén patente o saber facer de José Portela na parte compositiva, enfocada en resaltar as -grandes- virtudes vocais de Xoana. Os temas transitan por unha ampla variedade de xéneros -rock, funk, pingas de jazz- sobre os que a cantante amosa a versatilidade do seu rexistro. É tan evidente o predominio anglosaxón das súas influencias, tamén na forma de cantar, coma improbable que, logo de escoitar o disco, alguén acerte co seu artista preferido: Rosendo. “Teño un amor platónico. De pequena meu pai sempre estaba con el, así que eu tamén. Agora me encanta. E sempre me din que non me pega moito, pero a min pírrame”. Hai que convencer ao de Carabanchel para que deixe un momentiño a xubilación e faga un dúo coa cantante, o choque de voces sería digno de escoitar.

A Xoana sorpréndelle ter unha mellor resposta de xente dunha certa idade que entre a da súa xeración, pero hai certa lóxica, dada a madurez das composicións de Dardos. “Poder ser. O que pasa é que malia ser maduras creo que calquera da miña idade ten a capacidade de valoralas. Unha cousa que me dá moita rabia é que me digan ‘que noviña es’. Parece que por ser nova teño que ser máis inocente, ata me sentía parva por ese comentario”. É o único momento da charla en que se albisca á cantante como “un volcán que erupciona”, un dos versos de ‘Retrato’, a canción que a nai escribiu para describila.

Hai un consello de José Portela que a súa alumna parece ter gravado a ferro: non estancarse. Aplícao, por exemplo, para as músicas que escoita -agora está explorando outros mundos sonoros, como o brasileiro-. Tamén para a súa banda de directo, composta por instrumentistas veteranos e profesionais, agás un dos guitarristas, tamén alumno de MásQmúsica. A idea é que o grupo acabe sendo íntegro de xente da súa idade, pero polo de agora ela séntese cómoda con eles: “Sei que teño detrás unha banda que non me vai fallar. Pásoo moi ben tocando con eles”. 

Xoana, no seu Porriño | Alba Villar
Xoana, no seu Porriño | Alba Villar

Xoana empezou na escola como un pasatempo, pero a día de hoxe ten clarísimo que o que quere é dedicarse á música. Fixo un pacto cos seus pais: ela saca o grao, Tradución e Interpretación, e eles danlle todo o seu apoio na súa aposta musical. “Para min é unha tortura; a xente pregúntame porqué non escollín outra carreira que me gustase máis, pero en realidade non considero que haxa outra que me vaia prestar máis”.

En todo caso, fica claro a importancia da familia nesta aventura. Para esta conversa agardou acompañada da súa avoa, que se despediu do xornalista cunha agarimosa advertencia: “Faille unha boa entrevista”. Se boa ou mala queda a xuízo das lectoras, o que si se pode augurar sen arriscar demasiado é que será unha das primeiras das moitas que están por vir e que, parafraseando outro dos versos de ‘Retrato’, a súa “voz seguirá prendendo lumes”.

La música de Vigo, en seis preguntas

Tu grupo/artista de Vigo favorito:

Xoana: Iván Ferreiro.

Un sitio para tocar en Vigo:

Xoana: O auditorio municipal do Concello de Vigo.

El mejor concierto de Castrelos:

Xoana: Bajo en Nicotina.

Un grupo/artista de Vigo al que reivindicar

Xoana: José Portela.

The next big thing de la escena viguesa

Xoana: O novo disco de Najla Shami.

¿Qué opináis de la escena musical en Vigo?

Xoana: Creo que se debería apoiar máis e dar o recoñecemento que merece a arte propia, así como se fai coa que vén de fóra. 

Quen é

Xoana: cantante

Xoana Veiga Martínez apuntouse con 15 anos ao coro da escola MásQmúsica. Algo debeu de ver (e escoitar) José Portela, porque axiña a convenceu para que se unise ás clases de produción musical. Comezou facendo versións de grupos como Keane, Kings of Leon ou Audioslave. O seu primeiro achegamento formal á música en galego foi unha versión musicada do poema ‘A xustiza pola man’, de Rosalía de Castro.

Despois de dous anos de traballo, en decembro de 2018 Inquedanzas Sonoras publicou o seu primeiro disco, Dardos. Un dos seus novos retos é aprender a tocar a guitarra ou o teclado.

En cuatro notas


Unha nova voz, fermosa e ecléctica, vén de sumarse á galaxia da música galega. É a da porriñesa Xoana, 20 anos, que se situou no mapa logo da súa irrupción nas candidaturas aos prestixiosos Premios de la Música Independiente. O seu primeiro disco, ‘Dardos’, xunta reivindicación social e ambición pop. “Gustaríame cantar en galego no medio de Madrid e que ninguén se estrañe”, afirma.