Najla Shami

UNHA VOZ QUE CONECTA MUNDOS

Confesa a galego-palestina Najla Shami, 22 anos anos de carreira de resistencia ás costas, que ás veces a precariedade e a incerteza da vida do músico en Galicia fanlle pensar en deixalo. Para tranquilidade dos seareiros desta voz única e para fortuna dos que aínda a teñen por coñecer, non parece que iso sexa factible. “Non podes, unha non é quen de escapar ao seu propio lume, sería como morrer en vida. Entón, o día seguinte dis: ‘Vin para facer isto aquí, entón é o que teño que facer’”. Agora anda xa a experimentar con novos sons, pero nos próximos tempos retomará a presentación en directo do seu segundo traballo en solitario, Ela sabe a sol, unha colección de poemas e cancións coas que foi na busca das súas raíces orientais e atopouse a si mesma. Ía actuar mañá no seu Santiago natal –leva catro anos vivindo en Vigo-, pero a expansión do coronavirus obrigou a cancelar a súa presenza na presentación da película A familia Samuni, sobre o conflito palestino-israelí.

A cita de arriba é o final, expresado cunha certa feliz resignación, dunha longa resposta, o único momento da conversa no que á cantante e compositora se lle borrou o sorriso da cara e tensou o seu ton. “Ningún músico nin persoa que se dedique á cultura ten o sitio que merece en Galicia, a nivel de público, de apoio institucional, de difusión”, resposta á pregunta se considera que o legado do seu amigo Fran Pérez ‘Narf’, falecido en 2016, é valorado abondo. “Foi número un na RDP-África [a emisora pública portuguesa para ese continente] e aquí nin idea, a maioría da xente e dos novos seguen sen coñecelo. É unha tristura fondísima. Pásanos a todos os músicos, realmente traballamos na resistencia”, expón Najla, que se declara pudorosa un par de veces na entrevista, pero nisto é ben directa: “Eu sobrevivo, malvivo ás veces”. Critica as axudas “inexistentes” dos Gobernos para os creadores -”como se fai noutros países europeos- e un sistema laboral “que é un castigo”.

Narf, en verdade, saíu na conversa polo seu papel en Ela sabe a sol. Ao músico dedica ‘Lúa’, unha das cancións do disco-libro, editado por Galaxia a finais de 2019. Con el, ademais de amizade, compartía esa aposta por explorar as conexións entre tradicións musicais diversas. “Influíume moito, tiña esa capacidade de crear pontes coa lusofonía, con Mozambique, Angola… Eu tamén estou namorada da cultura africana do norte, que se mestura coa árabe. Hai moitas sonoridades desas latitudes no disco”, comenta Najla. Son só algunhas das influencias que recolle o álbum, un auténtico crisol de tradicións galegas, españolas, latinoamericanas, orientais. “Ao principio si que me costou dar co punto no que todo iso se atopa. Estaba claro que non me ía cinguir a ningún estilo, tiña que coller todas as influencias e buscar un cóctel. Intentei non poñerme ningún tipo de premisa nin condición, nin límites lingüísticos nin sonoros”.

Najla Shami na cafeteria tenda Terrae con Ela sabe a sol entre as mans. Alba Villar

O produtor Pedro Pascual axudoulle logo a plasmalo na gravación, na que participaron instrumentistas árabes, galegos e españois, algúns localizados en cidades como Helsinki ou Viena. “Ten un concepto tan concreto que non hai músicos en Galicia que poidan realizar algunhas partes. Non pensaba no difícil que ía ser levalo ao directo, penso no momento en que necesito comunicar algo dentro de min”, comenta. “Para que soe como ten que soar teñen que vir músicos de fóra. En Galicia temos un abano enorme de músicas, así imos ampliando tamén. Faltaba o estilo mediterráneo oriental”, chancea.

Pero para chegar a tirar Ela sabe a sol, nun formato coidadísimo cun poema por cada canción e prólogo de Iolanda Castaño, antes Najla tivo que atender á “chamada” para reatoparse coas orixes do seu pai, palestino. Durante oito meses estivo en Xordania, onde reside parte da súa familia, e en Gaza. “Marchei para mergullarme na cultura árabe, aquí non tes ese contacto diario. Tamén un pouco por pudor, son unha persoa moi respectuosa coas tradicións”, fía. Antes da viaxe xa tiña algunhas composicións que incorporaban esas influencias, pero non se atrevía a abordala sen ter un contacto directo. Aló estudou esas músicas e técnicas de canto milenarias e tamén recibiu o visto e prace dos músicos locais, malia que o seu xeito de poñelas en práctica racha coa forma canónica, ao introducir esa musicalidade en melodías máis mediterráneas. “Ben, puretas hai en todos lados, pero en xeral acolléronme moi ben. Recibín moita axuda, tamén para construír as letras. Esquecín o idioma [que aprendera de pequena cos seus avós en Kuwait] e necesitaba tamén esa aportación”.

Alén do musical, a viaxe tamén o foi á súa propia identidade. “Atopeime a min mesma. En xestos, en formas de ser, de falar. Crieime aquí [entre a Ribeira Sacra e Santiago] pero hai moitas cousas que che veñen inherentes, non sabes de onde. E de súpeto estás nun contexto no que encontran o seu lugar”. Ao tempo, serviulle para asumir a perda do pasado familiar, algo que teñen que afrontar moitas familias palestinas e que nada ten a ver coa enraizamento dos galegos co seus achegados e os seus territorios. E nun ámbito máis directamente político, a viaxe cambioulle a visión do conflito con Israel. “Para mal. Sempre pensei que se podería resolver coa proposta dos dous Estados. Unha vez alí dinme conta de que non vai ser posible. Eu son súper optimista, pero nisto non. Hai unha morea de intereses económicos internacionais en que non se resolva”.

Tampouco agocha o carácter de reivindicación da muller que ten o traballo, cun tema expresamente dedicado a María Coni e Marina Menegazzo, dúas rapazas arxentinas asasinadas en Ecuador. “É un disco feminino, o título é tremendamente feminino. ‘Ela’ pode ser calquera. Non só para mulleres, tamén para esa parte masculina que ten a súa feminidade”. Cada capítulo, conformado por unha canción e un poema, explica, corresponde a “unha paisaxe, deseñada arredor dunha enerxía feminina en cada situación”.

Nos próximos meses, se o coronavirus o permite, Najla Shami volverá aos palcos para presentar con banda o espectáculo de Ela sabe a sol. Mentres, segue a traballar en novas cancións, nas que está a xogar con elementos electrónicos, como na versión en directo de ‘Si muero’ que vén de publicar. Tamén prevé face rmáis concertos ela soa, un formato que tardou 16 anos en probar. “É algo súper espido terte que enfrontar ti soa á xente, mastigar os silencios, mover as enerxías do público. Trémenche as pernas”, admite. Ao principio, malia a levar anos tocando a guitarra, era unha “catástrofe”. “As mans non me respondían, non podía facer os adornos [de voz] que adoitaba. Foi un tránsito difícil, pero moi gustoso”. Máis adiante, logo de declararse introvertida “inda que non o pareza”, retoma o fío: “Fun asomando pouquiño a pouquiño, por iso quizais tamén tardei tanto en sacar disco co meu nome. Non por medo, senón porque nun principio a miña natureza non o propoñía dun xeito orgánico. Agora, si”.

A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS

O teu grupo/artista de Vigo favorito

    Pois a verdade é que non son moito de ter favoritos. Cada quen aporta algo en determinados momentos. Gosto da proposta de Caldo, da forza de High Paw, a voz de Su Garrido… podería nomear a moitos.

    Un sitio para tocar en Vigo

    É dificil decidirse por un. Toda a comarca ten recunchos engaiolantes para unha muller coma min que naceu lonxe do mar.

    O mellor concerto de Castrelos

    Caetano Veloso a solo.

    Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece

    Toda a música galega penso debería ter un recoñecemento maior. Hai moita calidade e variedade neste país. Nomearei a Planeta Theremin, unha proposta interesantísima e única.

    The next big thing da escena viguesa

    Un festival no centro de Vigo de grupos desta comarca, amosando a cultura que se fai aquí e en pleno Nadal…

    Que opinas da escena musical en Vigo?

    A escena musical é magnífica, o que faltan son espazos e propostas para os grupos daquí e condicións dignas de traballo. Consumo responsable de cultura propia por parte de organismos e público. O resto xa o temos e en moi boa forma.

    QUEN É

    najla shami

    Najla Shami: cantante, compositora e multiinstrumentista

    Nacida en Compostela de nai galega e pai palestino, aprendeu o idioma no tempo que, de cativa, viviu cos seus avós en Kuwait. Creceu en Taboada, na Ribeira Sacra lucense, ata que xa de adolescente volveu a Santiago. De espíritu nómada, levou a súa voz Xapón, Noruega ou a India. Hai catro anos asentouse en Vigo, en busca dun chisco máis de luz que na capital do país.

    O seu primeiro concerto foi un 5 de marzo de 1997, a unha idade que prefiere non revelar. Participou nunha morea de proxectos colectivos, pero ata 2013 non asinou un traballo co seu nome. Foi Na lingua que eu falo, editado, como Ela sabe a sol, pola editorial Galaxia.

    Outras publicacións e colaboracións:

    • The past to come, de Cinnamon Gum (Enterphonics, 2003)
    • As voces das musas, VVAA (AC Barbantia – Concello de Noia, 2008)
    • Ben deitei, de Safari Orquestra (Ouvirmos, 2010)
    • Fráxil, Coro da Rá (Pista Catro, 2010)
    • Haikus, de Lobalú (Inquedanzas Sonoras, 2011)
    • Desaparafusador de Gominola, VVAA (Xunta de Galicia, 2011)
    • Cantigas de mulleres, VVAA (Fol Música 2012)
    • A Tribo Todo Baila, Tributos Os Resentidos (Warner Music Spain 2012) 
    • Son brasilego, de Sérgio Tannus (Fol Música, 2013)
    • Corasons, VVAA (Kalandraka Editorial, 2013) – Proxecto activo na actualidade.
    • Pitusa semifusa (Editorial Galaxia, 2014)
    • Outra volta de roda, de A Roda (PAI música, 2014)
    • Galinha de Troia, de Som do Galpom (Autoeditado, 2014)
    • Traca – Traco, de Paco Rivas (Editorial Cumio, 2015)
    • Veredevere, de Guilherme e Bastardo (Axóuxere Editora, 2015)
    • Dardos, de Xoana (Inquedanzas Sonoras, 2018)

    En cuatro notas


    Muller nómada, un cóctel de culturas en si mesma, esta galego-palestina foi a Xordania e a Gaza a reatoparse coas súas orixes e a mergullarse na cultura musical árabe. De volta trouxo o material para ‘Ela sabe a sol’ e tamén conectou coa súa identidade. «Unha non pode escapar ao seu propio lume». O seu está avivado polas músicas máis diversas, de aquí e de acolá.