A VIDA ENTRE (MÁIS DE TRES) ACORDES
Conta Su Garrido Pombo entre risas, sen darlle importancia, que non, que pasa de subir o seu premiado disco Quedo a vivir aquí á plataforma dixital algunha. Que non ten tempo que perder en burocracias, que ten que tocar e agora, ademais, coidar dun bebé. Non serán moitos os e as artistas que a estas alturas renuncien a difundir as súas músicas en Spotify ou Bandcamp; nesta sección é a cuadraxésima protagonista e o primeiro caso. Ela prefire ir “un a un”, nos concertos, como o de hoxe na biblioteca Neira Vilas do seu Calvario ou o de mañá no Festival Son da Industria. “Son moi punki, o que pasa é que logo toco bossa nova”, conclúe, e dalgún xeito resume na brincadeira non só unha actitude vital, tamén unha forma de estar afastada de estereotipos.
Cítanos no bar El Mirador, o seu favorito, en pleno Paseo de Alfonso. Semella que, como exemplo dunha idea sobre a que volve varias veces na conversa -a de non separar o cotiá do artístico nin do social-, a escolla é pragmática, porque vive preto e non pode afastarse moito do seu neno, e simbólica, porque aquí retomou as actuacións hai un par de semanas, logo de ser nai, nun acto contra o túnel proxectado na peonalización da Porta do Sol. “Cando era pequena collía o Vitrasa no Calvario para ir ao cole e pasaba por aquí, ás veces incluso pillaba á mantenta un co que chegaba case tarde á clase só por ver o mar. É un sitio precioso, a mellor praza de Vigo, e ten que ser peonil, téñense que quitar os coches”.
Su cre no valor social da música -”se podo apoiar coas miñas cancións o que me parece xusto, marabilloso”, esgrime- e a súa posta en escena redúcese á voz e á guitarra. É dicir, que de entrada a proposta remite aos cantautores dos 70. “Si, si, pero sen… sen o estilo”, di antes de botar unha gargallada que enfatiza o eufemismo. É unha etiqueta, reflexiona, que leva a Joaquín Sabina, a Paco Ibáñez -”que me encanta”-, a un “señor tocando tres acordes. E non”. “Está guai tocar tres acordes, eu tamén o fago, pero hai máis cousas”.
Ela, que prefire definirse simplemente como “música” e ten a Caetano Veloso como referente, conta con formación clásica e decántase pola bossa nova e polo jazz, así que, en efecto, sabe máis de tres acordes e bástase da súa técnica coas seis cordas, da súa voz e dun pedal de loops para encher o escenario. Pero en certos ambientes masculinos inda custa crer nas habilidades co guitarra dunha rapaza. “Claro que padecín eses prexuízos, agora xa non tanto, pero si. O típico: contactas con algún local e pregúntanche quen te acompaña, porque non cren que ti soa poidas”. E malia que ve cambios a mellor, coa aparición de máis mulleres instrumentistas que servirán de espello para as máis novas, pensa que “inda desconcerta que unha muller toque igual de ben que un home”. Unha visión que non se lles aplica ás vocalistas, porque cantar sempre foi o rol principal das mulleres na música popular.
Pero para chegar ata aquí cumpren un par de flashbacks.
Xullo de 2003, auditorio de Castrelos. Caetano Veloso sae a un escenario cun fondo negro; vestido desa mesma cor e sentado nunha cadeira canta ante milleiros acompañado só da súa guitarra. “Cando o vin dixen: ‘Se algún día eu puidese achegarme un mínimo a iso…’ Era a esencia, o mínimo, e chegando tanto. Eu quería chegarlle á xente tanto coma el me chegou a min aquel día. Transformou a miña vida”.
A historia sérvelle para a reflexión artística e para a crítica cultural. “Creo no austero, nunha melodía, unha harmonía e xa. Cando funciona, para min é sublime, como Caetano aquel día”. Aquela actuación formaba parte do celebrado ciclo Para Vigo me voy, “que se facía con criterio, e non vou a seguir”. Pero, logo das risas e os comentarios citados arriba, retoma o fío: “Cando a cultura se planifica ben poden ocorrer estas cousas, traer a artistas que cambien a vida da xente. É algo para pensar”. Un pouco despois, na mesma liña, dispara: “Nesta cidade a cultura funciona pola cultura de base, o institucional é propaganda. Á marxe de que veñan artistas moi bos, a finalidade destes macroconcertos, deste bum, é a propaganda. Para min non vale, non me interesa”. Reivindica “a xente que toca e as salas que programan”. Vigo, analiza, “non sabe a sorte que ten”. “Non se aposta para nada polos artistas locais; despois das últimas declaracións do alcalde [Abel Caballero]… Nin as vou mencionar. Pero seguiremos loitando, porque seguiremos cantando e tocando”.
Ano 2012, un parque de Dublín, poalla. Su, tremendo e sen levantar case a cabeza, ponse a cantar coa súa guitarra por vez primeira en solitario nun recinto público. “Debía ser unha bossa nova, algo tropical para un día moi gris”. Acababa de chegar á capital irlandesa por pura necesidade, afogada na súa vida de profesora de música. “Pasou un rapaz de coleta e botoume dous euros. De súpeto foi como ‘wow, se cadra podo gañarme a vida con isto’. Cinco minutos despois chegou a poli e botoume”. Como en Irlanda “a música está en todas partes” e non hai eses muros entre o mundiño artístico e a xente do común, non lle resultou complicado entrar en contacto con outros músicos, conseguir concertos e ata tocar nun programa de radio.
Así que entre a epifanía Caetano e o experiencia irlandesa pasaron case 10 anos, e outros seis ata que se decidiu a publicar o primeiro disco. Por que tanto tempo? “Crieime nun ambiente non artístico. Inda que fun ao conservatorio dende pequena, sempre tiven esa cousa de ‘podo facelo?’ Ademais sendo muller non tiña referentes, PJ Harvey, Björk e pouco máis. É complicado crer que o podes facer.
Faro: E agora xa cres que podes?
Su: Noon, que va. Cada día é un reto, precioso, pero distinto. Afortundamente teño moita xente ao redor que me di que teño que facelo. Non me queda outra. Iso e que hai que pagar o aluguer.
Criada ata os tres anos na aldea de Traspielas, en Fornelos de Monte, medrou no Calvario dos 80 e primeiros 90 á vez que estudaba no conservatorio. “Son tres mundos moi distintos, ata agora non fun consciente diso”. Música tradicional galega, vídeos de Beastie Boys ou Rage Against The Machine mentres colgaba clase, e, pola tarde, pezas de Bach. A súa música actual, di, é froito de todas esas vivencias e da súa vida cotiá. “É un reflexo de todo o que vivo, sen máis pretensións, o que teño preto é o que canto. Non ten unha explicación tipo [pon voz grandilocuente e cambia ao castelán): ‘Voy a mezclar elementos dispares en busca del eclectismo…’ Non”. Ao transcribir a conversa, o xornalista decátase de que non fixo unha pregunta fundamental. “Se algún día eu puidese achegarme un mínimo a iso…”, dicía sobre o impacto que lle causou o concerto de Caetano Veloso. “E cres que o conseguiches?”, cuestiona, agora si, por mensaxe. “Hahaha, xa me gustaría! Isto da música para min é un camiño, unha búsqueda, e niso estou. Non, non creo que chegara inda pero estou a gozar deste camiño lento, malia que ás veces, como non!, tamén me frustro”.
A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS
O teu grupo ou artista de Vigo favorito:
Su Garrido Pombo: Calquera dos grupos que pasan pola jam de jazz da Casa de Arriba, polas sesións Halo ou polas jams vocais que organiza Rubén Fernández, un cantante ó que admiro, na sala Kominski. Tamén temos un tesouro como é a ETRAD da que saen cada ano músicos marabillosos e da que temos que estar moi orgullosos e conservar.
Un sitio para tocar en Vigo:
Su Garrido Pombo: Téñolle especial cariño a El Contrabajo porque Rafa, o seu antigo dono, foi o primeiro que me deu a oportunidade de tocar en Vigo. Tamén á Casa de Arriba, que me acolleu como música residente e na que colaborei con tantos músicos, e á Sala Magnética, agora Kominsky, onde presentei o disco. E en xeral tódalas salas que programan música e tratan ben ós músicos, son os que manteñen a cultura musical desta cidade.
O mellor concerto de Castrelos:
Su Garrido Pombo: Non sei se o mellor pero o que máis me marcou foi un concerto de Caetano Veloso no Festival Para Vigo me voy no ano 2003, cando inda se programaba con algún criterio.
Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.
Su Garrido Pombo: Calquera dos que participan nas jams, paga a pena achegarse, hai moitisima calidade.
The next big thing da escena viguesa
Su Garrido Pombo: Unha programación cultural estable, con criterio e independente da política de turno.
Que opinas da escena musical en Vigo?
Su Garrido Pombo: Que hai moitísima calidade entre os músicos pero non a hai á hora de programar, co presuposto dun macroconcerto deste ano en Castrelos programaríase un ciclo enteiro doutras músicas.
QUEN É QUEN
Guitarrista, cantante e compositora
Cursou guitarra clásica no Conservatorio Mayeusis, (1992-2000) e Historia da Arte e Musicoloxía en varias universidades. O grupo folk Lembranzas Galegas foi o seu primeiro proxecto. Logo, en 2003, formou Sonhos, co que recibiu numerosos recoñecementos. En 2012 trasladouse a Dublin e comezou a súa carreira en solitario.
En 2015, xunto con Margarida Mariño, formou o grupo TREME e conseguiron o primeiro Premio no concurso MusicaXove 15 ó mellor grupo xove galego. Despois lanzaron o seu disco debut “Mundo Ideal”.
O ano pasado, ademais de gravar o seu primeiro disco en solitario, sumouse a Son Trío, un novo proxecto musical xunto á pianista e compositora Katia Linke e a cellista Susanna Blanco. Tamén ten activo o dúo Malandra, xunto ao guitarrista Miguel Fraile.
PLAYLIST
Díxose arriba que Su Garrido Pombo non ten, a día de hoxe, o seu disco en plataformas dixitais. O documento máis axeitado para achegarse ao seu eu artístico actual é esta gravación en directo do espazo Medio Bolo da Radio Galega, na que toca varios dos temas de Quedo a vivir aquí. O medio público autorizou a utilIzar o vídeo nesta reportaxe; dende aquí agradecemos a xentileza.