Winter Project

ROCK POR PURO PRACER

“E agora, que facemos?”, preguntáronse os membros de Winter Project antes de abordar a gravación do seu terceiro traballo de estudio. Viñan de publicar un primeiro disco, Winter Time, que saltaba dun estilo a outro dentro da música de raíz americana, e un EP, Paranoid Lullaby, de forte carácter progresivo. Demasiado campo aberto. Así que o que fixeron, primeiro, foi discutir moito o camiño a tomar. Despois contrataron a un produtor, Javier Abreu, que lles axudase na tarefa, desbotaron unha morea de cancións a prol da coherencia e rexistraron Evolution, que soará en directo o próximo venres, 1 de xuño, en La Fábrica de Chocolate. Tamén acordaron, non sen debate, como nomear o estilo da banda: rock con tendencia ao psicodélico.

“Intentamos que o álbum tivese algo do primeiro e algo do segundo, e tamén que marcase a vía a seguir. Non podemos estar dando bandazos. Á xente gústanlle as etiquetas porque gústalle saber que vai atopar. O maior esforzo que fixemos neste disco foi conectar cos anteriores e que tivese coherencia. Creo que o acadamos”, explica Jorge Lorenzo, cantante e guitarrista de Winter Project. Cousa infrecuente, o músico fala con naturalidade das dinámicas internas no grupo. Por exemplo, sobre a intervención de Abreu: “Non acababamos de chegar a un consenso, así que buscamos a alguén que se posicionase por riba do rebumbio. Hai cousas nas que non estamos de acordo, pero todos decidimos facerlle caso a unha persoa de fóra”.

O produtor -un clásico, responsable do son de Boikot ou Dakidarría e ducias de grupos locais- non só lles axudou a peneirar a lista de cancións e a orientalos, tamén aportou o seu bo facer nos arranxos, a súa especialidade, e no acabado final. “Queriamos saltar en calidade”, comenta Lorenzo, moi satisfeito co resultado xeral e, en particular, coa súa melloría na parte vocal. Se os catro cortes que conforman o conceptual Paranoid Lullaby (2017) graváronos nunha fin de semana, coa maioría de pistas rexistradas tocando todos xuntos en directo, para os seis de Evolution botaron meses de traballo. Tantos que os CD case non lles chegan para o día da presentación, o decembro pasado en La Iguana.

Outro factor fundamental para configurar o son actual do grupo foi a entrada a mediados de 2017 de Pablo ‘Calavera’ en substitución de Luis Saldaña na guitarra. Este segundo, un virtuoso do instrumento, foi o responsable da meirande parte da música do primeiro traballo. A súa capacidade para pasar do swing ao jazz ao rock e as súas inquedanzas determinaron o eclecticismo daquel Winter time (2016). Pablo, cun estilo máis xenuinamente setenteiro, encaixou mellor co espírito de Winter Project, a xuízo do cantante: “Luis era un monstro, pero é máis coherente o que facemos con Pablo”. Nunha banda na que os riffs e os solos teñen tanto protagonismo, a personalidade do guitarrista ten esa capacidade de “cambiarlle a cara por completo”.

No musical, o disco non quedou tan psicodélico coma calculaban, inda que si hai pegadas desa tendencia. No lírico, ningunha.

Jorge Lorenzo: Deberiamos falar de viaxes espaciais pero non, a verdade é que son cousas moito máis mundanas, que lles pasan a todo o mundo.

Faro: Viaxes de fungos alucinóxenos ultimamente non, verdade?

Jorge Lorenzo: Non, non (risas). Ese disco tiña que telo feito con 20 anos, agora o que me saíu foi falar do meu fillo, da miña muller, da vida que me toca vivir.

winter project
O inverno volveu de súpeto xusto a tempo para a sesión de fotos, este mércores en Vila Solita. | José Lores

Evolution é un álbum, resume o cantante, sobre a crise dos 40, no que só unha das cancións sae da temática íntima: ‘Float like a butterfly’, unha biografía sobre o boxeador Muhammad Ali, que dicía de si mesmo que “flotaba como unha bolboreta e picaba como unha abella”. Nese caso fixo primeiro a música; esa liña de baixo tan hipnótica, inspirada na música negra, levoulle a contar a historia dunha das grandes iconas da loita dos afroamericanos pola igualdade. No tema contaron co saxo de Jorge Rogero e os teclados de Mr. D Vázquez, de Moon Cresta, que contribúen a unha peza de alta voltaxe que resume a versatilidade, ben empastada, do grupo: hai rock, bluesfunk.

‘You will never walk alone’ -non, non ten a ver co Liverpool nin co Barça- está dedicado ao seu fillo de cinco anos, que lla pide con insistencia. “Cando naceu díxome Bru: ‘Agora comporás unha canción para o neno’. ‘Que dis, tío! Non son tan ñoño’. Ao final si que o fixen, e é súper ñoña. Pero quedou moi bonita”, relata Jorge. ‘Where will you be tonight’? fala de decatarse de que alguén que un día foi moi importante xa non se sabe nin onde está nese momento, que Jorge escribiu pensando nun amigo en concreto: “Que pasou? Como pode ser? Trata sobre o paso do tempo, é algo que lle ocorre a todo o mundo”. ‘I need you so bad’ é unha declaración de amor á súa muller e ‘I’m still a child’ e ‘There is a devil inside me’ compúxoas Pablo tras unha ruptura sentimental.

Jorge non só fala con transparencia das lóxicas internas de Winter Project, tamén fai unha chamada aberta aos seus colegas da escena local: “O problema de que as salas non funcionen e concertos de grupos moi bos estean baleiros é, en parte, que a maioría dos músicos non van aos bolos. Se toda a xente que toca en Vigo, que pide que se apoie ás bandas locais, as apoiasen terían moito máis público. Hai que protestar menos e facer máis, sobre todo ir a concertos”. Sinala algunhas excepcións, como o cantante de Bakintaun, co que se atopa acotío. Considera que ten que ver cunha dinámica social: “A xente é cada vez máis egoísta e máis egocéntrica. As redes sociais son o paraíso dos egocéntricos. E os músicos inda o somos máis, e inclúome, que miramos só para o noso”.

Winter Project, expón, non ten grandes plans, máis aló de tocar “ata que o corpo aguante”. “Nunca pensamos en facer esta música para chegar a máis xente, senón fariamos indie en español. Moita xente nolo di, que por que non cantamos en castelán”. A Jorge, o que lle sae e o que lle gusta é escribir e interpretar cancións de rock setenteiro en inglés. “Se tivese que facer outro estilo non tocaría. Facémolo por puro pracer. Dentro de 20 anos cando llo ensine ao meu fillo poderei dicirlle: ‘Mira como mola o que faciamos’. Ao mellor pídeme que lle poña reggaeton, pero de momento gústalle”.

A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS

O voso grupo/artista de Vigo favorito:

Jorge (batería): Kannon.

Pablo: Adolfo FH.

Jorge (cantante): The Soul Jacket.

Bru: Winter Project.

Un sitio para tocar en Vigo:

Jorge (batería): Sala Masterclub.

Pablo: Castrelos.

Jorge (cantante): La Iguana.

Bru: Na rúa, ao aire libre.

O mellor concerto de Castrelos:

Jorge (batería): Metallica.

Pablo: Metallica, sen dúbida.

Jorge (cantante): Deep Purple ou Wilson Pickett.

Bru: Deep Purple.

Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.

Jorge (batería): Wöyza.

Pablo: O guitarrista Diego Pacheco.

Jorge (cantante): Moon Cresta.

Bru: Winter Project.

The next big thing da escena viguesa

Jorge (batería): LAW.

Pablo: Non sabería dicir.

Jorge (cantante): Spoonfull.

Bru: Winter Project.

Que opinades da escena musical en Vigo?

Jorge (batería): Vigo ten unha escena musical con moitísimo potencial. Hai xente facendo cousas moi boas como Aphonnic ou Stoned at Pompeii. É unha mágoa que o Concello de Vigo non apoie máis a escena cun festival de bandas emerxentes ou dando a oportunidade de tocar en sitios como Castrelos a artistas da cidade.

Pablo: Ten unha saúde envexable. Moitísimas bandas boas e algunhas como The Soul Jacket ou Aphonnic que se están a facer un oco a nivel nacional, e que están a colleitar os froitos logo de duros anos de traballo. Desde a miña experiencia coa revista Guitar Calavera, creo que o pero é que xusto os que se queixan son os que menos a apoian. O único problema é que ás veces se xuntan varios concertos bos.

Jorge (cantante): É abraiante a cantidade e calidade de bandas e solistas que hai, pero é evidente que hai falta de público. Tamén boto de menos que haxa máis unidade e apoio entre os músicos, refírome a ir a concertos doutras bandas locais ou mercar os seus discos e merchandising. Coido que é algo que pasa moi pouco. Tamén boto en falta máis apoio das institucións públicas e en concreto do Concello de Vigo.

Bru: Moitas e moi boas bandas… Moi pouca xente nos concertos, moi pouco investimento nesas bandas e os seus discos, nulo apoio dos organismos oficiais e dos locais e empresas que non ven posibilidade de negocio en potenciar a música. Bastante frustración por todo o anterior.

QUEN É QUEN

Jorge Lorenzo

Jorge Lorenzo: voz e guitarra rítmica

Montou a súa primeira banda en 2007, Symmetry, cos que gravou un disco autoeditado. Tras desfacerse o grupo en 2010, ao ano seguinte empezou un proxecto de versións en acústico chamado Winter Project. Algo máis de dous anos despois aquilo derivou na banda de rock con temas propios que é hoxe.

Braulio Vidal: baixo

O deste vigués de 44 anos é un caso sorprendente: malia ser un namorado da música dende rapaz, empezou a tocar o baixo -a súa paixón desde que escoitou por vez primeira as liñas de John Deacon para Queen-, hai 10 anos. Winter Project é a única banda da que formou parte. Ao pouco de meterse na música tamén se atreveu a fabricar os seus propios instrumentos, que son os que utiliza actualmente.

Bru Vidal
Pablo Calavera

Pablo Villaverde: guitarra solista

Motivado por Mark Knopfler, Pablo ‘Calavera’ comezou a tocar a guitarra a finais dos anos 80. Naquela época formou parte de Los Indecisos e doutro proxecto máis pequeno, Pitman Rock Classics. Despois aparcou o instrumento para centrarse na súa carreira profesional coma deseñador. En 2009 lanzou o web Guitar Calavera e, a partir diso, foi retomando a súa paixón polas seis cordas. Entrou en Winter Project en xuño de 2017.

Jorge Guerra: batería

Baterista profesional, traballa con numerosas bandas da zona como músico de sesión. Empezou aos 11 anos e pasou por bandas como Paranoid ou Dakidarría, coas que xirou por toda a península. Imparte clases na escola Laboratorio de Creatividad Musical e conta cun estudio propio no que grava e produce para diferentes artistas.

jorge guerra winter
winter project farodevigo
A formación actual de Winter Project quedou configurada en xuño de 2017. Teñen tres traballos discográficos, todos autoeditados: ‘Winter Time’ (2016), ‘Paranoid Lullaby’ (2017) e ‘Evolution’ (finais de 2018). | José Lores

En cuatro notas


Despois de dúas referencias moi dispares, Winter Project atoparon o seu camiño, un rock setenteiro e con tinturas psicodélicas, con ‘Evolution’. Crecidos no circuíto de salas, ven preocupados como moitos destes locais están pechando. Apelan á responsabilidade dos propios músicos: «Hai que protestar menos e ir a máis concertos».