Loiros

A FORZA DO DESTINO

Cousas da vida, un bo día queres montar un proxecto de jazz instrumental e cando te decatas estás a tocar cancións con letra baseadas en escuros riffs afinados en re. Iso nunha parte da canción, porque noutra estáste a deixar levar pola psicodelia. E noutra máis, esta vez si, adéntraste no medio dunha pasaxe jazzística. Toda esa estraña e sorprendente mestura atópase no primeiro disco de Loiros, homónimo pero en minúscula, que este venres presentan na sala Kominsky de Vigo.

Tres deles –falta o baixista, Felix Barth, residente en Berlín- interrompen un ensaio para falar dun dos novos proxectos máis singulares da escena local. Marca o tempo o batería e impulsor da banda, Héctor Agulla, que ten unha explicación a por que o LP loiros soa como soa, e non como el planeaba cando hai tres anos empezou a dar saída a algunhas composicións: “O ente formado polos catro xa nos guía. Non é tanto unha decisión tomada conscientemente, de querer que o grupo vaia por aquí. Van saíndo as cousas, as cancións fanse a si mesmas. Ti só lle das a forma, pero o rollo xa está aí. É algo hippy, pero é como o sinto”. O cheiro a incenso que impregna o local resalta o orientalismo do argumento.

Na tradición xudeocristiá, menos dada as autonomías, poderíase recorrer a que “os camiños do Señor son inescrutables”. Pero quizais sexa a sabedoría popular a que explica nunha soa frase o que pasou dende que a formación definitiva quedou configurada: a cabra tira ao monte. Neste caso, catro cápridos, cada un coa súa bagaxe, con puntos de conexión, claro, pero ás veces tamén empurrando en direccións distintas. Toma a palabra Virxilio da Silva, guitarrista, o segundo en sumarse ao proxecto: “Todas esas influencias deles, dos Deftones, do rock alternativo dos 90, están pasadas polo meu filtro psicodélico. Os temas teñen a base desa onda pero cun son máis psicodélico”. Puntualízalle o seu compañeiro nas seis cordas, o francés afincado en Vigo Wilfried Wilde: “Iso nos últimos, nos primeiros era outra cousa”.

En efecto, hai unha dualidade marcada no repertorio de Loiros. Algúns cortes están máis preto da idea inicial de Héctor, de facer un jazz moi aberto, “de agora”, indie -”pero non indie de ñiñiñi”-. Outros tenden a unha estética rock; son cancións definidas, sen espazo para os desenvolvementos instrumentais. Iso si, sen botar man das estruturas máis convencionais de verso-retrouso-verso-retrouso-solo-retrousox2. “Inda sinto que estamos entre as dúas tendencias, e creo que vai quedar así”, comenta o baterista, e máis adiante pecha o asunto: ”Ao final sae o que ten que saír. Non podes dicir vou facer un disco de non sei que. Converteuse noutra cousa. É precioso, encántame esta merda”.

loiros museo
Loiros, en directo no Museo do Mar. | Carlos Deteis

E aí, cando os catro se xuntaron e comezaron a ensaiar, foi cando o carácter da banda se definiu. “De súpeto estábamos a tocar súper cañero, eramos un grupo de rock esteticamente”. Unha identidade que, coa súa complexidade, quedou reflectida en loiros. “Queriamos algo cru, orgánico. Escóitanse os pedais, a púa, a respiración”, explica o batería. E alude a dous álbums de debut clásicos para profundar na idea: “Escoitas o Grace de Jeff Buckley, Ten de Pearl Jam… son discos que se se gravan dous días despois e serían outros. Son brutais, a nivel son, a nivel interpretación. É algo que me flipa”.

Para a gravación contaron cos servizos do Hevi, que está a dar mostras dunha gran versatilidade, cos seus traballos para bandas tan dispares coma Mundo Prestigio, Oh! Ayatollah ou agora Loiros. Só teñen boas palabras: “Aprendemos mogollón con el, sobre arranxos, tamén para decatarnos de como queriamos soar”, explica Virxilio. Ocorreu tamén, pura idiosincrasia Loiros, que as cousas non foron como planearan. A súa idea era meterse a gravar estilo jazz, dous días intensos para rexistrar todas as pezas posibles. “Non, imos facelo guai, a buscar o son de cada tema”, retrucoulles o Hevi. Así que apostaron por facer un par de temas. Pero conforme ían traballando no estudio ían xurdindo novas ideas, así que o que ían ser uns días acabou por ser case un ano de traballo.

Iso non quere dicir que renunciasen á idea de facer un LP natural. Está todo gravado en directo, cos catro interpretando á vez na sala. “A mestura tédela que facer vós tocando. Ten que soar a puto disco nesta sala. Eu só poño os micros onde son para que soe como está a soar aquí”, díxolles. Logo, algún detalle, algún delay por aquí e un efecto por alá, e xa. “Iso é o que buscabamos, se cadra máis adiante dámoslle máis voltas para sacar algo máis producido”.

Unha vez coas cancións rexistradas, só “débedas, débedas, débedas”, conta Wilfried. “Co de traer a Felix, cunha furgoneta que consume un montón, cun francés que consume un montón… Cantidades inxentes de comida!”, completa Héctor. Así que apostaron por recorrer ao micro-mecenado, e a cousa saíu ben. “Colocamos de súpeto 100 vinilos, que para nós, facendo 10 bolos ao ano, é imposible”. Entre as recompensas, sorprenden as guitarras personalizadas por eles mesmos –pedíronse dúas– e o pack de cea preparada polo grupo, vinilo para cada comensal e mini-concerto. “Un deles díxome, ‘pero vós non ceades con nós, non?’ Non, tranquilo, non temos que falar moito”, chancea o baterista.

loiros contrapicado 0NtI
Ademais de tocar, Loiros tamén cociñan, e prometen non dar moito a chapa aos comensais | Ricardo Grobas

Coa identidade do grupo definida, co disco baixo o brazo, cunhas finanzas algo máis prósperas –se este adxectivo pode aplicarse no underground-, un último paso asentou o proxecto: a súa entrada no Colectivo Metamovida. “Facilita moito as cousas. Hai sitios nos que preguntas para tocar, dinche que non e cando lles explicas que es da Meta [houbo inevitables dobres sentidos ao respecto], entón si. «É unha especie de selo de calidade, de que se fan as cousas dunha determinada maneira”, explica Héctor, que xa con Why Go formara parte da escudaría. “Está moi guai o bo rollo que hai, a flexibilidade, o ben organizado que está. Moitísimo amor, moitísima comprensión”. Jazz, grunge e, por que non, tamén un pouco de Verán do Amor danse a man en Loiros. 

loiros coche RymU
Loiros, botando en falta ao seu baixista Felix, o amor (musical) das súas vidas | Ricardo Grobas

A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS

O voso grupo ou artista de Vigo favorito:

Loiros: Caldo, Trilitrate, Bliusvai, Cró!

Un sitio para tocar en Vigo:

Loiros: Sala Kominsky, La Galería Jazz, La Casa de Arriba.

O mellor concerto de Castrelos:

Loiros: Jamiroquai, Maria Joao, Supergrass.

Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.

Loiros: Bliusvai. 

The next big thing da escena viguesa

Loiros: Ollo, Lóstrego!

Que opinas da escena musical en Vigo?

Loiros: Hai moitos grupos con propostas de calidade, orixinais e honestas. Pola contra, moi poco orgullo e respaldo por parte de organismos oficiais.

QUEN É QUEN

loiros miudo Vrxv
Os catro Loiros, retratados no exterior do Miúdo | Cedida

De esquerda a dereita, Loiros son:

Virxilio da Silva, voz e guitarra:

Comeza os seus estudos de jazz no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e obtén a licenciatura na especialidad de jazz na ESMAE de Oporto, Portugal. Cursa posteriormente estudos de máster no Conservatorium van Amsterdam (Holanda), Rhythmic Music Conservatory (Dinamarca) e Conservatoire National Supérieur de Musique et de Danse de París, dentro do programa EUJAM (European Jazz Master).

Grava o su primer disco en formación de trío no ano 2005 coliderando o S.O.S. Trio, banda galega xa desaparecida. En 2008 edita o seu primero álbum como líder, Odyseia, con Walter Smith, Marcus Gilmore, Derek Nievergelt e Xan Campos. Dende entón ten participado en numerosas gravacións e actuacións como “sideman” que o levaron a percorrer medio planeta, participando habitualmente en xiras por Europa, Asia e Ameríca para acompañar a decenas de músicos de renombre nacional e internacional

O nome de Virxilio tende a relacionarse coa escena jazzística, ainda que a súa actividade non só se limita a este xénero musical. Virxilio, ademáis de colaborar habitualmente en numerosos proxectos como sideman, é colíder das bandas Foxy Freire (Rock, Galicia), Loiros (Rock, Galiza), Fuzzo (Impro, Jazz-rock, Galiza), Steel Sheep (Folk progresivo, Holanda), ou The Manueles (Surf-rock, Galiza). Tamén é lider desde 2016 de JUZZ, banda de jazz-rock coa que ven de editar un dos seus últimos traballos discográficos como líder. Conta cun amplo palmarés de premios.

Héctor Agulla, batería:

Dende ben cativo, mostra un gran interese e sensibilidade ó arte en xeral e á música en particular. Pero non é ata os 12 anos, que comeza a expresar as súas inquedanzas a través dun instrumento musical. Comeza a exploración a través da guitarra e, sobretodo, da batería, da man do seu irmán maior, Iván Agulla, daquela recoñecido baterista da escena musical viguesa.

Nos seguintes anos, completa a súa formación compaxinando estudio (gradúase en Maxisterio Musical e estudia Jazz e Música Moderna en Escola Estudio en Compostelae no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra) cos seus proxectos musicais (Why Go, La Banda de Andrelo, The Bronxson Project) e colaborando como sideman con numerosos artistas de diferentes estilos (Albert Sanz, Nuno Ferreira, André Fernandes, Jeffery Davis, Alejandra Burgos, Deuteronistas, Los Suizos…) Neste tempo, comeza tamén a exercer como profesor particular de batería, que, nos seguintes anos, levarano a ensinar batería e combo en Súbete ó Castro, Estudios Metrópolis, Vigosónico e Mundosonoro.

Actualmente, dirixe o seu propio proxecto musical, Loiros, no que libera a súa faceta compositiva. Tamén forma parte de Fear of Missing Out, Kalapa, Límbico, Xoubaswing e da Orquestra Metamovida, demostrando unha gran adaptabilidade e versatilidade estilística.

Wilfried Wilde, guitarrista

Francés que actualmente reside en Galicia. Con 10 anos empeza os estudos de guitarra clásica no conservatorio das Landas (Francia) e con 18 finaliza simultaneamente o DEM (equivalente ao grado profesional español) en guitarra clásica e guitarra jazz. Aos 22 anos sae diplomado do conservatorio superior de Euskadi MUSIKENE en guitarra jazzonde tivo a oportunidade de estudar con grandes músicos da altura de Jorge Rossy, Perico Sambeat o Guillermo Klein entre outros e coñecer a numerosos músicos novos de toda España. Gañou o Keep An Eye Jazz Award, un concurso europeo de solistas que se celebra Ámsterdam, do concurso de maquetas FNAC coa banda Tana Santana Project e foi finalista de varios concursos de prestixio.

Dende 2012, traballa como músico freelance en moitas facetas do sector musical: docencia (no CCMUS de Moaña e clases privadas), eventos privados, festivais (As Palmas, Donosti, Lugo, Cangas, Getxo…), arreglista, compositor (animación, videoxogos). A súa estancia en España e, principalmente, en Galicia, permitiulle colaborar en proxectos moi variados, dende o jazz máis tradicional (Iago Fernández Quartet, Dani Cano Quintet, Tana Santana Project, Joan Saldaña Quintet) á fusión coa música galega (Azul de Bueu) ou co rock (Xan Campos ESD, Loiros, Larchey Zore Quartet).

Felix Barth, baixo e coros:

Cando Felix tiña 10 anos, a súa primeira banda descubriu que para ser unha verdadeira banda de rock debía ter un baixo. Por necesidade, Félix cambiou o teclado polo baixo. Só aos 14 anos comezou a ir a clases, tomándose o seu instrumento máis en serio e comezou a tocar máis estilos como jazz, funk ou reggae.

En 2010 Félix mudouse da súa cidade natal, Göttingen, Alemaña, a Ámsterdam, onde estudou jazz no conservatorio. Alí coñeceu a moitos músicos de todo o mundo, entre outros ao guitarrista galego Virxilio da Silva.

En 2016 graduouse cun cum laude, tocou en diferentes bandas dos Países Baixos e trasladouse a Berlín no 2018. Na actualidade traballa como profesor de música e baixista en bandas de gran variedade de estilos como Supertrawler, Ay Wing, Frollein Smilla , Monoply ou Floating Time e dúas bandas galegas, Juzz e Loiros.

PLAYLIST

En cuatro notas


Dous galegos, un francés e un alemán forman Loiros, un dos proxectos máis particulares da escena viguesa. Un grupo que se impuxo á idea inicial do seu impulsor, Héctor Agulla, e que agora presenta o seu primeiro LP, cheo de crueza e de matices. ”Ao final sae o que ten que saír. Non podes dicir vou facer un disco de non sei que».