Xose Miguélez

UNHA MENSAXE NO TEMPO

A música tece tramas improbables e crea vínculos que superan barreiras que semellan infranqueables. Que pode unir unha aldea de Laza a principios dos 80 coa Kansas City dos nosos días, a música tradicional galega co jazz contemporáneo, unha cantareira afeccionada con instrumentistas profesionais? Unha sinxela melodía de catro notas aparecida nunha partitura agochada. Ese foi o fío do que tirou o saxofonista ourensán -nigranés de adopción- Xose Miguélez para compoñer e gravar Ontology, o seu primeiro disco con temas propios. O traballo vén de ser distinguido co Premio Martín Códax a mellor proxecto de jazz do ano e, contra a idea inicial, vaino a presentar nos próximos meses ao vivo.

Hai un par de anos Xose, que ademais de saxofonista imparte clases de música tradicional no Conservatorio de Vigo, andaba na busca de material para darlle a unha das súas alumnas. Revisando o cancioneiro rexistrado por Dorothé Schubarth, atopou unha partitura que a musicóloga suíza lle recollera a unha tía avoa súa en Cerdedelo, no ano 1981. “Foi unha sorpresa, non sabía que estaba aí. Tiven a sensación de que me chegaba unha mensaxe no tempo, así que pensei en facer algo a partires desa melodía”, conta na barra de El Contrabajo, unhas horas antes de que a sala, na que tocou tantas veces co trío de Xacobe Martínez Antelo, acolla un apoteótico concerto de Sumrrá.

De entrada, non se lle ocorreu como desenvolver esa partitura. Tampouco quería caer no “típico de facer unha versión da melodía tradicional e levala ao jazz”, un concepto xa bastante explotado en Galicia. “A quen se lle ocorreu a idea xenial de, a partir do motivo inicial de catro notas que ela canta, compoñer as melodías e logo harmonizalas foi a Matt Otto”. Matt foi profesor de Xose Miguélez durante seis anos, cando trabaron amizade, e acabou producindo o disco que axudou a concibir. Tamén tocou un segundo saxo tenor en tres pezas. No resultado final, en verdade, aquela liña melódica orixinal está “bastante disfrazada”. Salvo no primeiro tema -‘Ontology’, tamén dá nome o disco- é bastante difícil de recoñecer: “Foi unha especie de pretexto emocional que me motivou a facer a música”. Unhas composicións que a súa inspiradora xa non puido escoitar; faleceu a mediados dos 80.

Coas pezas xa escritas, o plan era traer a Matt para gravalas con músicos galegos e portugueses, pero a súa axenda fixo máis factible que fose Xose o que se desprazase ata os Estados Unidos. En Kansas, unha das capitais do jazz a nivel internacional, tivo tempo de ensaiar e tocar ao vivo cos instrumentistas de alí. “Cando cheguei xa tiñan as partituras moi ben estudadas. Están afeitos a traballar a contra reloxo, o tempo é diñeiro para eles. Aquí temos un concepto máis relaxado”. O caso é que cando no verán do ano pasado se meteron no estudio algunhas das pezas cambiaran bastante con respecto a como o saxofonista as tiña na cabeza. Na montaxe dos temas tivo un papel relevante o batería, John Kizilarmut, ao que Xose define nunha frase: “Nunca coñecera a alguén que entendese a música tan rápido coma el”.

Outra boa nova foi o citado Premio Martín Códax, que recibiu hai un mes con moita ledicia porque, malia non ser moi seareiro de premios e concursos, este ten o aquel especial de partir do propio gremio. “Foi inesperado, había un montón de proxectos bos e os tres finalistas creo que estabamos bastante igualados. Ademais somos amigos”. Pero o caso é que o galardoado foi el e está a sentir a repercusión. “Saíron concertos, entrevistas. Funciona, non hai moitas maneiras de visibilizar os proxectos”.

De feito, entre os seus plans non estaba tocar o Ontology ao vivo. “Tiña pensado que a gravación fose un punto e final para ese proxecto. O que quería era gravar a música e que quedase o mellor posible”, explica. Pero logo do premio recibiu ofertas para levalo ao directo. Non será cos músicos que o rexistraron -para traelos terían que pechar máis de 1.500 bolos, chancea-, senón co pianista francés Jean-Michel Pilc, co batería portugués Marcos Cavaleiro e co contrabaixista tamén luso Carlos Barretto, tres instrumentistas “aos que admira profundamente”. Haberá máis repertorio ao marxe do Ontology, pero si que servirán esas actuacións como a presentación que o disco non tivo deste lado do Atlántico. Con Pilc, por certo, gustaríalle facer un traballo a medias no futuro, se este verán a experiencia de tocar xuntos funciona.

Faro: O álbum está dedicado ás mulleres que coma a túa tía avoa mantiveron viva música tradicional galega. E no jazz, un xénero tan masculino tradicionalmente, cal é o rol do sexo feminino?

Xose: Está a haber máis mulleres, antes era moi difícil atopar unha no jazz salvo que fose vocalista. Iso está cambiando, hai moitas instrumentistas. Nas escolas a proporción era 99% contra 1%, agora pode ser 70% a 30%. Aínda non está ben pero empeza a ser un cambio significativo.

Faro: Por que cres que ocorre?

Xose: Sempre houbo mulleres importantes, tanto solistas como no ensino, pero escondeuse a súa transcendencia. Supoño que é outra forma de machismo. Para min a música non ten xénero, nin cor, nin fronteiras. Cando empeza a soar se apaga todo e só escoito música (…) A música sempre foi unha maneira de borrar problemas como a segregación racial e espero que tamén o sexa para eliminar a desigualdade entre homes e mulleres.

O músico ourensán -afincado no Val Miñor dende hai uns 20 anos- observa similitudes entre a situación en Galicia das dúas músicas nas que se move, a tradicional e o jazz“Hai moita xente nova facendo proxectos interesantes, que soan moi ben e teñen esa frescura da xente que o fai sen medo”. Sobre o pulo da escena jazzística galega, en concreto, reflexiona: “É bastante incrible o que sucede, a xente que vén aquí alucina coa cantidade e calidade dos proxectos. Non sei moi ben a explicación; estamos nun país moi musical e o jazz é unha música creativa, que engancha. Tamén está o traballo das escolas e dos pioneiros que fixeron canteira, pero non hai unha explicación demasiado convincente de por que sucede”.

Xose incluira este veran o Ontology no seus concertos
Xose incluirá este verán o ‘Ontology’ no seus concertos. | Andrea Mariño

A outra cara da moeda son as crecentes dificultades para tocar en directo: “Fai falta máis xente como Rafa [Chao, xerente de El Contrabajo, que pulula polo bar preparando todo para recibir os Sumrrá] que nos brinde oportunidades de actuar. A música ao vivo está tirando a outros formatos, a festivais; é como unha especie de visualización da música, como que se necesita un espectáculo de entretemento visual para que a xente quite as fotos e as poña en Instagram. Os que somos máis viejunos e nos gustan máis este tipo de espazos estamos un pouco fóra de contexto agora. Pero en todos os tempos hai cousas boas e malas, se o que realmente che gusta é a música atopas vías para facelo”.

Pese a ese raiolo de optimismo, si que lamenta que cada vez sexa máis difícil encontrar locais que aposten por proxectos novos e de calidade, e non programen “polo nome”. O que fai que un grupo soe ben -neste contexto é onde fixo a reflexión sobre a importancia do colectivo referida antes- é a posibilidade de tocar moito en directo e lembra que antes os músicos de jazz podían pasar un mes enteiro tocando nun local, mentres que agora se fan un par de bolos en garitos distintos xa teñen a sensación de estar actuando bastante. “Experimentar a música moitas veces en directo é o que fai que sexa interesante, porque ela é máis forte ca ti, acaba levándote cara a onde quere ir e ese é o sitio no que realmente vai soar ben. Se non tocas moito, é difícil que iso suceda, por moi bo que sexas”.

xose miguelez
Xose Miguélez quixo facer a súa particular homenaxe a El Contrabajo elixindo o local, no que tantas veces tocou, para a sesión de fotos. | J. Lores

A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS

O teu grupo ou artista de Vigo favorito:

Xose Miguélez: Rubén Fernández, cantante de jazz incrible.

Un sitio para tocar en Vigo:

Xose Miguélez: El Contrabajo.

O mellor concerto de Castrelos:

Xose Miguélez: Vou dicir un que non vin: Dexter Gordon no 1981. Só para ver se se volve a programar jazz en Castrelos. Nesa época tocaron uns cantos xigantes, coma Chet Baker… Non sei por que se deixou.

Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.

Xose Miguélez: Todos os músicos de jazz.

The next big thing da escena viguesa

Xose Miguélez: Caldo, un grupo de músicos de folk. Penso que lles vai ir guai. E o seguinte disco de Transilvanians creo que o vai a petar.

Que opinades da escena musical en Vigo?

Xose Miguélez: En tradicional e jazz véxoa ben en xeral. Hai unha morea de xente nova que toca súper ben. Non podes deixar o instrumento uns días porque aparecen uns macacos tocando mellor ca ti (risas). Iso está ben porque nos fai mellorar a todos. Creo que nos próximos anos van saír cousas que molan de Vigo.

QUEN É

xose miguelez

Xose Miguélez: saxo tenor

Ourensán de 45 anos, vive e traballa na área de Vigo desde hai uns 20 anos. O seu primeiro achegamento á música foi a través da gaita, aos seis anos. O saxo e o jazz chegaron cando tiña 24. Estudou esta música na Guidhall School of Music de Londres e licenciouse na Esmae do Porto. Continuou a súa formación con músicos coma Matt Otto, Jean-Michel Pilc ou Chris Cheek.

Participou en varios proxectos, coma o Xacobe Antelo Martínez Trío. Para este verán formará nun cuarteto co seu admirado Pilc. Ontology (Origin Records, 2018) é o seu primeiro traballo propio. Gravouno en agosto do ano pasado en Kansas City, logo de testealo en directo na mítica sala Blue Room.

É profesor de música tradicional e iniciación ao jazz no Conservatorio de Vigo.

En cuatro notas


A casualidade quixo que o saxofonista Xose Miguélez, metido na música tradicional galega e no jazz, atopase a partitura dunha canción que nos anos 80 lle recolleran a unha tía avoa súa. Das catro notas que canta a muller xurdiu ‘Ontology’, o seu primeiro proxecto propio. A publicación do disco por Origin Records está a permitirlle chegar a “sitios case imposibles” para un músico galego.