Caldo

UNHA RECEITA NOVA PARA O FOLK

No territorio difuso onde conviven tradición e innovación recolle Caldo os ingredientes para a súa receita: melodías e letras da música popular galega postas en contextos sonoros que parten das influencias máis diversas. Fan folk, pero non soan exactamente folk. Ou á inversa. Quizais por iso, este trío vigués de formato acústico –guitarra, violín e voz- atopa máis acubillo na intimidade das salas que nos grandes festivais do xénero. En todo caso, son unha das grandes revelacións do panorama musical galego de 2019 e comezan 2020 igual que entón, cun concerto en Vigo o 4 de xaneiro. Se daquela actuaran nunha sala Kominsky na que quedou xente fóra este sábado tocarán con Baiuca na Mondo, no contexto do festival Ciclicka.

Quedamos coa violinista María Jorge, co guitarrista Pedro Fariñas e coa cantareira e pandereteira Anaïs Barbier un sábado de aluvión de Nadal na Praza dos Pescadores, no que debía de ser o único recuncho de paz no centro da cidade. Amosan na conversa a mesma complicidade que se percibe enriba do escenario; inda que o proxecto ten pouco máis dun ano levan moito tempo compartindo a súa paixón pola música tradicional. Varias veces durante a entrevista vanse completando os argumentos, como engadindo elementos a unha composición.

-María: Nótase un montón cando empatas coa xente coa que estás a tocar.

-Pedro e Anaïs: Si!

-Anaïs: De feito encántanos facer unísonos [tocar a mesma nota á vez todos os instrumentos].

-María: É que es la leche.

-Anaïs: Que violín, voz e gaita [Pedro tócaa nalgunha peza] parezan unha soa cousa, que non se note que é cada instrumento. Estamos todo o tempo escoitándonos moitísimo.

Como nas melodías, tamén as letras son tiradas da tradición, agás un tema, ‘Moscoso noitébrego’, escrito polo seu amigo Gabriel Reboredo. Anaïs, que dispón dunha enorme recollida feita por Xisco Feijoo a Rosa e Aida, dúas irmás da zona de Moscoso, botou tempo para escolmar os textos que máis lle transmitían e máis podían transmitir. O resultado abraia pola súa sinxeleza e fondura atemporal. “Tiñan cancións específicas para cada tarefa -para sementar, para labrar-, e dentro diso cantaban moitísimas letras. O que intento é non cinguirme a un traballo concreto. Foron moitas horas vendo o estilo da señora, como canta, como interpreta. Empápaste. Son letras moi bonitas”, explica.

Caldo son, xunto con Loiros, a última incorporación do colectivo Metamovida. Con eles tocaron no Liceo Mutante e planean facer máis datas. Cando se lles pregunta pola súa relación cunha banda tan afastada estilisticamente, xorde unha reflexión que ben vale para resumir o espírito musical que os anima. Fala Pedro: “Nós facemos folk e eles o seu rollo progresivo tolo, pero ao final falamos do mesmo, de rachar as estruturas, de crear ambientes sonoros distintos… Compartimos moitas cousas inda que non fagamos a mesma música”.

Comentábase arriba a importancia das letras, pero a banda naceu coma un trío instrumental, con guitarra, violín e acordeón. Logo do prematuro abandono do acordeonista, María e Pedro decidiron continuar pola súa conta e gravar un disco en formato dúo, pero para darlle un pouco de variedade nos timbres decidiron recrutar a Anaïs á voz en tres temas. A cousa funcionou tan ben que xa forma parte do grupo, inda que siga habendo cancións sen texto. A idea é indagar en todas as sonoridades e as posibles combinacións entre os tres membros. “Co pouco que temos trátase de explotalo”, comentan. “Mólanos moito currar dende o minimalismo, dende o baleirar as cousas”.

Esa aposta por eliminar artificios plasmouse no seu primeiro traballo, rexistrado no estudio Bea Besada en apenas día e medio e tocando en directo xuntos, como cando ensaian no salón da casa. “Sabiamos que se gravásemos por pistas perdería a maxia”, di Pedro. “Tampouco tiñamos cartos [para unha gran produción]”, engade Anaïs. Para financialo recorreron ao micro mecenado, no que conseguiron máis do que reclamaban. E inda así sobroulles para pouco máis que un vídeo –tamén os fan en directo-: nas súas contas esqueceron un pequeno detalle do 21 %, o IVE. Iso si, xa venderon as primeiras 500 copias do seu debut e acaban de tirar outras tantas.

Cifras que poden parecer modestas, pero que calquera que estea no mundiño musical sabe que non son nada desprezables. Eles réstanlle importancia e danlle mérito ao deseño de María Carpente, tamén violinista e compañeira de María en Dadga. Venden ben nos seus concertos, así que algo terá que ver a súa forma de interpretar e de conectar co público. Polo de agora o seu hábitat está nas pequenas salas, “sentindo a xente preto, escoitándonos ben, podendo facer silencios sen fallo”. “En Galicia os festivais de folk adoitan ser para formatos máis grandes, con máis músicos no escenario; a xente busca máis bailar. O noso proxecto non entra aí, non cumprimos as características para tocar en Ortigueira ás dúas da mañá”, reflexiona Pedro. “Tampouco iamos estar moi cómodas”, engade María, que, coma os seus compañeiros, fai uso da linguaxe inclusiva durante toda a conversa: “Non queremos esconder as nosas ideoloxías inda que non as poñamos enriba da mesa con brilli-brilli”.

Caldo un trio feliz logo de que os deixase o acordeonista quedasen coma duo e recrutasen a Anais. J. Lores
Caldo, un trío feliz, logo de que os deixase o acordeonista, quedasen coma dúo e recrutasen a Anaïs. | J. Lores

A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS

O voso grupo/artista de Vigo favorito:

María: Trilitrate.

Anaïs: Trilitrate ou High Paw.

Pedro: Cró!

Un sitio para tocar en Vigo:

María, Anaïs e Pedro: Sala Kominsky.

O mellor concerto de Castrelos:

María: Jamie Collum.

Anaïs: Vivín un de Fuxan os Ventos que me puxo os pelos de punta (todo o público chorando).

Pedro: Creo que o primeiro concerto que fun na miña vida foi o de Carlos Nuñez en Castrelos no 98, e gardo un moi bo recordo.

Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.

María: Dani Font.

Anaïs: Loiros.

Pedro: Dani Font.

The next big thing da escena viguesa

María: High Paw.

Anaïs: Pensamos que a próxima “incredible thing” sería unha sala de concertos acondicionada, preparada, con medios técnicos…e cunhas condicións económicas aceptables para xs músicxs. 🙂

Pedro: O outro día vin a “rArO”, un proxecto de electrónica en directo, e flipei.

Que opinades da escena musical en Vigo?

María: Cada vez as redes sociais nolo deixan máis claro. A escena viguesa está máis que viva e non deixa de expandirse. Podemos atopar bandas de todos os xéneros: jazz, reggae, folk, pop, garage, punk… Emerxentes e veteranas. Tanto as salas como as bandas estánse a mover, facendo un traballo de programación cultural que supera, con creces, á ofertada polo Concello.

Anaïs: Lamentablemente esta cidade non se caracteriza polo apoio á cultura e, a pesar diso, creo que é unha das escenas máis potentes da Galiza. Conviven unha gran variedade de estilos, e en cada un deles hai músicas e bandas incribles que crean tendencia.

Pedro: Penso que hai moitos grupos e dun altísimo nivel, pero seguimos a darnos de bruces cun Concello que pasa de todo e se gasta 400.000 euros nun único concerto dunha banda que xa é un fósil, podendo empregar unha ínfima parte deses cartos en apoiar as bandas locais.

QUEN É QUEN

maria caldo

María Jorge, violinista

Violinista de formación clásica, entra en contacto coa música tradicional a través do campamento de cordas San Simón Fiddle, no que segue a participar, desta volta coma mestra e parte da organización. Foi o contacto con este campamento o que a fixo interesarse polo mundo da música tradicional, comezando así os seus estudos de violín folk co mestre Alfonso Franco na E-Trad de Vigo, onde rematou o grao avanzado en xuño de 2018.

Ten recibido cursos e masterclasses de diversas artistas internacionais, tendo así un amplo abano de influencias que van dende a música escocesa á americana ou á mexicana. Actualmente, está a participar de maneira activa na escena folk de Vigo e comarca, formando parte de diversos proxectos coma a OFG SonDeSeu. Tamén tocou en Dadga, banda actualmente inactiva.

Pedro Fariñas, guitarrista:

Titulado superior na especialidade de Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia, complementou os seus estudos cunha beca Erasmus no Royal Conservatoire of Glasgow (UK) estudando highlandpipe, guitarra e whistle.

É gañador de numerosos concursos de gaita solista tanto en Galicia como a nivel internacional como o Trophée Maccrimmon para Gaita no Festival Interceltique de Lorient (2011-Francia), Concurso de gaiteiros solistas Concello de Vigo (2011), Memorial Manuel Dopazo (2010), Memorial Manuel Villanueva (2009), entre outros.

No 2014 grava con TRIM o seu primeiro álbum de título homónimo, có que gañan dous Premios Opinión da Música de Raíz ao mellor álbum e á mellor canción no ano 2015.

Como saxofonista foi membro de bandas míticas da escena reggae viguesa como Transilvanians, Zamaramandi ou High Paw & Elephants Yard, coa a que actualmente segue a colaborar.

Na actualidade explota a súa faceta como guitarrista, arranxista e compositor.

pedro caldo
anais caldo

Anaïs Barbier, voz e pandeireta:

Cunha formación inicial en piano clásico, chega á música tradicional con 18 anos da man de Javier Feijoo (Xisco). Comeza formando parte das pandereteiras do Fiadeiro, para posteriormente cursar o grao avanzado de canto na E-Trad de Vigo, que complementa con outros cursos de canto con Davide Salvado ou Ugía Pedreira, entre outras.

Leva máis de 10 anos como docente de canto e percusión tradicional en diferentes escolas e asociacións das provincias de Ourense e Pontevedra, como Trépia, O Tambor Colectivo ou como substituta na escola onde se gradúa (E-Trad).

Na parte artística ven de traballar con grupos como Pink Roe (sexteto tradicional polifónico con integrantes como Xisco Feijoo, Najla Shami ou Davide Salvado); a orquesta folk SonDeSeu, con quen participa en dous traballos discográficos, e máis recentemente entra a formar parte dos grupos Fiandola e Caldo, gravando tamén sendos traballos discográficos neste 2019. Por último, a finais deste 2019 convértese nunha das novas integrantes da banda Laroá.

En cuatro notas


Con respecto pero sen prexuízos aborda Caldo a tradición musical galega, unha frescura que en só un ano lles permitiu converterse nunha das revelacións de 2019. Asentaron o formato trío despois de empezar a gravar o seu homónimo disco de debut coma dúo. “Dámoslle malleiras á tradición… ás veces», din nunha brincadeira que vale como declaración de intencións.