Noar

IN VIVO VERITAS

En tempos acomodados, nos que toda a cultura e tamén o lecer máis banal semellan estar a golpe de clic, erguerse do sofá para ir ver un concerto estase a converter nun acto de resistencia, sobre todo se os que tocan son músicos locais e non a última banda de moda. Ante este estado de cousas, Noar, unha das propostas máis vangardistas da cidade, parece buscar acubillo nos clásicos. ‘In vivo veritas’, se Plinio O Vello nos permite a paráfrase, é un dos piares nos que asenta o rebautizado proxecto do cantante Rubén Fernández e o guitarrista Iago Marta, agora na escudaría Metamovida. Esta noite na sala Kominsky presentan a súa verdade, que por forza é mutante: a improvisación é intrínseca á súa de mestura de jazz, música tradicional galega, rock ou ambiental.

O dúo –dous vellos cómplices que retoman agora unha proposta que naceu cando vivían en Barcelona hai uns anos- presenta as súas novas cancións, gravadas nunha sesión en directo no auditorio de Goián a finais de 2019 e compiladas baixo o título de Ao vivo. Lanzáronas nas últimas semanas en Youtube, en formato vídeo-disco con Sara Traba a cargo da elegante realización, e no Bandcamp. “Queremos reivindicar a música en directo. Se fas un álbum [de estudio] podes poñer pinceladas aquí e alá, arranxalo logo. É un concepto, e é válido, pero o que queríamos plasmar cos vídeos é unha chamada a vir a vernos. En disco está moi ben, pero a verdade está no directo”, explica Rubén. Iago completa: “Para nós funciona esta forma de gravación, a nosa esencia é o que facemos no momento, non é unha construción pechada”.

Este traballo supón a presentación en sociedade de Noar, inda que en realidade o proxecto non é de todo novo. A finais de 2013, os dous músicos asinaron cos seus nomes e apelidos un álbum titulado Son do Mar. Ocorreu que a xente tirou de metonimia e nomeou o grupo coma o disco. De volta os dous en Vigo seis anos despois, cando decidiron compoñer xuntos de novo neste formato, apostaron por rebautizarse. “Non nos gustaba e xa hai moitas cousas con ‘Son de…’. Ademais, o tipo de música é diferente, parécese, porque somos nós, pero…”, expón Iago. Se cadra, o fío que enlaza aquelas primeiras cancións con estas é o uso do galego nas letras e a influencia do folk, un estilo non moi presente na formación académica de ambos. “En Barcelona entrounos a morriña”, chancea Rubén, que é agora cando está a meterse máis no mundo do ‘tradi’ e das foliadas: “Hai músicos incribles, quedo abraiado. Remove por dentro”.

En todo caso, as alusións á tradición autóctona son ben etéreas en Noar, alén dalgunha liña melódica e algún ritmo. “Neste segundo traballo intentamos ir un pouco máis alá, hai máis exploración, un pouco máis de free”, comenta o cantante, que ademais de xogar coa súa formidable voz co secuenciador tamén se fai cargo da sección rítmica cunha caixa flamenca. Hai máis experimentación, si, pero sen esquecer que os temas se poidan cantar. Tamén partiron de premisas compositivas distintas. Se en Son do Mar as composicións tenden ao circular, nesta nova presada puxéronse a condición de que “camiñasen cara a diante”. “Os temas navegan, pero van e non volven”. Outro factor que determinou as diferenzas é o puramente xeográfico, un bo exemplo de como as condicións materiais da existencia inflúen na creación artística. “Xa só por loxística… Aquí é máis doado atoparnos; fixemos unha chea de ensaios, iso tamén se nota á hora de montar os temas. Antes quedabamos un día cada tres ou catro semanas, agora o proceso é máis amodo”, expón Iago.

O cantante e guitarrista levan unha vida tocando xuntos en proxectos do máis variado, dende Catpeople –onde exerceron de músicos de directo- ata Glass of Water ou Barcevedra, por citar algúns. En Noar, agás o tema ‘Materia oscura’ que escribiron entre os dous, cada un leva as súas composicións, sempre abertas ás achegas do outro. “Temos bagaxe en común pero tamén cousas que nos diferencian; o que mola é chegar a un lugar compartido partindo de sitios distintos”, razoa Iago. Xa o mesmo instrumento natural de cada un, a guitarra e a voz, condiciona a forma de escribir. Fala Rubén: “A miña forma de compoñer é moi aberta, deixo moito á imaxinación do intérprete. El mete unhas guitarras incribles, con esas texturas que vai tecendo; inda que teña unha idea pechada dun tema, de súpeto hai cousas que brillan diferente. E iso convértese en Noar”. 

Ruben e Iago levan tocando tanto tempo xuntos que non caben nun pe de foto todos os proxectos que compartiron. J. Lores
Rubén e Iago levan tocando tanto tempo xuntos que non caben nun pé de foto todos os proxectos que compartiron. | J. Lores

Esa forma de funcionar non opera só no musical; durante a entrevista un par de veces parten de puntos discrepantes para chegar a un consenso. Por exemplo, Rubén explica a súa afirmación, nunha entrevista coa revista A Movida, de que todos os músicos están tolos.

Rubén: Se cadra díxeno porque a linguaxe na que nos sentimos máis cómodos é a dos sons (…) As cousas non pasan tanto pola cabeza, senón polas entrañas. El non está de acordo.

Iago: “Penso que podemos ser coma calquera outro colectivo; hai músicos tolos, músicos cínicos, etc. Son máis prosaico.

Rubén: Posiblemente teñas razón.

As letras de Noar seguen a liña que Rubén vén desenvolvendo nos seus últimos proxectos, coma Bliusvai: “Nestes anos case sempre escribo sobre o mesmo, sobre a humanidade, sobre escoitarnos a nós mesmos, sobre o que perdemos do mundo natural. Todo o que estamos a construír é unha tolemia. Estou preocupado polo planeta, é o que me sae”. Nese contexto non teñen cabida un certo tipo de textos pretendidamente románticos. “Hai letras de amor que fan moito dano. ‘Sen ti non son nada’, ‘se non estás morro’… todo ese tipo de lecturas non teñen moito sentido no mundo no que estamos e porén hai moita xente que segue nesa onda (…) Axudan a crear estes sistemas de celos e comportamentos negativos”, argumenta. Con frecuencia, o cantante cambia versos dos estándares de jazz que fai cando teñen ese tipo de clixés, como con ‘Some day my prince will come’.

Rubén e Iago, xa cunha traxectoria e con experiencia fóra, ven a situación da música en Vigo con sentimentos encontrados. Dunha parte, salientan a calidade e variedade das propostas –“non ten nada que envexar a outras cidade de Europa”-; doutra, láianse da precaria situación do mundo cultural. “Non hai apoio institucional, a iniciativa é particular sempre, e así é moi difícil crear unha escena. Fai falta respaldo dende atrás, unha infraestrutura, xerar interese para a poboación”, esgrime Iago. Rubén considera que falla a comunicación e que, máis que cuestión de cartos, con algunhas ideas neste eido poderíase chegar a máis xente. No caso de Noar, asumen, o seu público non vai ser masivo: “Trátase de facer cousas dignas, que a xente á que lle interese poida escoitalo con calidade e que iso sexa unha marca desta cidade. A marca agora é outra”. 

A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS

O voso grupo/artista de Vigo favorito:

Rubén Fernández: Hai moitos, podería dicir: Su Garrido Pombo.

Iago Marta: Loiros.

Un sitio para tocar en Vigo:

Rubén Fernández e Iago Marta: Sala Kominsky.

O mellor concerto de Castrelos:

Rubén Fernández: O Festival de Jazz que nunca se fixo.

Iago Marta: Deep Purple.

Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.

Rubén Fernández: Hai moitos, Loiros é un bo exemplo.

Iago Marta: Iago Fernández.

The next big thing da escena viguesa

Rubén Fernández: A mistura de estilos cun efervescente novo folk.

Iago Marta: O novo disco de Trilitrate.

Que opinades da escena musical en Vigo?

Rubén Fernández: Penso que é moi intensa pero falta comunicación, dos músicos e os pequenos programadores non tanto, pero a xente ten que darse conta de que a música de verdade está fora da súa casa, nos concertos, e a comunicación de todo o entramado cultural local está moi agochada. Se as persoas de Vigo saísen máis a concertos locais decataríanse da cidade na que viven culturalmente.

As luces son máquinas, a música fana as persoas e é auténtica. Xa non existe o festival de teatro, tampouco o festival de jazz, que será o seguinte? Menos mal que os que amamos o arte seguimos vivos facendo cousas.

Iago Marta: Moito talento, pouca difusión do mesmo e nulo apoio institucional. 

QUEN É QUEN

Noar Ruben Fernandez J Lores

Rubén Fernández: voz

Conta cunha ampla formación, que comezou en Vigo e continuou na escola superior de Cataluña.

Colaborou no Small Axe de Adrià Plana & Robert Nesta Songs, no Araguaia de Carles Cases ou no Marró sobre blau do quinteto de Rai Ferrer.

De volta en Vigo, é o coordinador do Mayeusis CEMU Superior e profesor en la Escola Estudio de Santiago, ademais de asiduo nas jam sessions de La Casa de Arriba, El Contrabajo ou a sala Kominsky,

Bliusvai é o seu último proxecto en solitario, pero no seu currículo tamén figura como co-líder en traballos de Why Go ou outro dúo con Andreu Zaragoza.

Iago Marta: guitarra

Tamén formado en Barcelona, no Conservatorio do Liceu, na especialidade de guitarra eléctrica de jazz, formou parte de proxectos musicais moi diversos como Catpeople, Recitals a domicili ou Yexza Lara Quartet. Tamén gravou un disco co seu propio trío de jazz e tocou con músicos como Sebastián Merlin, Jordi Bonell, Roger Blavia, Jon Robles, Pablo Selnik e Felix Rossy.

Nos últimos anos, o guitarrista e compositor centrouse na música de imaxe. Compuxo a banda sonora das curtametraxes As vacas de Wisconsin (2016) e Nelson (2016), de Eldedoenelojo. Tamén compuxo para curtametraxes documentais como O Castelo da froita (2017) e traballa actualmente noutros proxectos de ficción, animación e teatro.

noar iago

PLAYLIST

En cuatro notas


O vocalista Rubén Fernández e o guitarrista Iago Marta retoman un vello proxecto xurdido hai uns anos en Barcelona. De volta aquí, dan un paso máis na súa mestura de jazz, música tradicional galega ou rock, con ambición experimental e sen medo á improvisación. “Os temas navegan, pero van e non volven”.