Flow do Toxo

FACÉDELO VÓS MESMAS

A comezos do 2018, tres rapazas do Condado collían un micro de Colacao, cun envase de zume Granini coma soporte, enchufábano a unha tableta e gravaban unhas rimas de combate feminista sobre unha clásica base de hip-hop, con coros espontáneos de Trono, o can dunha delas. Deste xeito tan precario –o espírito dos tempos- quedaba plantada a semente de Flow do Toxo, sen ter a mínima certeza de que aquilo fose agromar. Menos de dous anos despois, a banda, con só unha presada de cancións publicadas, fíxose un nome e percorreu o país co seu directo. Tempo de aprendizaxe, de comadreo e tamén de experimentar o machismo latente no mundo da música. Pechan ciclo nunha dobre cita con Tremenda Jauría –o xoves 12 de decembro en Vigo, en La Fábrica de Chocolate, e ao día seguinte na compostelá sala Malatesta- antes de meterse no estudio a rexistrar o seu primeiro disco.

Naquel vídeo subido a Youtube en febreiro do ano pasado tres sombras proxectábanse sobre un muro, cercadas por unha reixa. “Pensamos en non ensinar as caras, non fose ser que saíse demasiado mal”, chancean agora. As que gritaban eran Silvia Rodríguez, alias Xía, Laura Prado e Silvia Mella, ás que logo se sumou Rosa, a irmá desta última, para exercer como DJ e facer coros. Recíbennos as tres primeiras na casa de Xía no barrio de Canedo, en Ponteareas, coas consignas feministas literalmente enriba da mesa. A cuarta súmase por Skype dende Ourense, sempre cunha anécdota a man para ilustrar os argumentos das súas compañeiras.

E por ese rego van chegando a dúas cuestións centrais, a do canon e a dos roles de xénero.

Silvia: Contedores de lixo tecnicamente perfectos hainos, por que? Porque son os grupos de homes os que levan anos facendo música.

Laura: E son os que marcan qué está ben e mal.

Silvia: Claro, e aí tes que parecerte a ou soar a; e nós como nos estamos redescubrindo e aprendendo…

Laura: É o que ten a vida nas marxes, no arrabalde. Saes dos canons.

Xía: Ademais, quen limita qué está ben e qué non? Para nós está ben, así que…

Dar o paso de crear a banda foi, de feito, un acto de empoderamento. “Ti non estás educada para montar un grupo. No instituto os teus colegas pasaban as tardes tocando e ti non, ti pasábalas peiteándote”, expón Laura. Máis adiante, Xía profunda na idea: “Non estamos educadas para subir enriba dun escenario e poder berrar. Non, non nos ensinaron iso de pequenas. Temos que nos empoderar e coller forza para poder facelo”.

Xa metidas no circuíto, a acollida é “en xeral bastante boa”. Pero tras a resposta inicial saen unhas cantas anécdotas en senso contrario. Manesplaining de manual, como os técnicos que, ante un son defectuoso, pensaban que estaban collendo mal o micro, ou os que se puxeron a debater diante da DJ, como se ela non existise, cal era o cable preciso para a mesa, cousa que ela sabía. Non son as primeiras en denunciar situacións así“Nalgúns casos temos que poñernos chulas”, afirma Rosi. En canto aos grupos masculinos, a súa visión non é moi alentadora. “Non hai grupos de homes que nos digan: ‘Eh, tías! Moi ben!’ Quizais en petit comité, ou algún amigo da banda…. Pero nós tampouco buscamos ese apoio, eles que se unan cando queiran á loita lila, e se non queren, pois cada un polo seu camiño”, apunta Silvia.

Laura: É normal que un grupo de mulleres se sinta fóra de lugar, que é o que nos pasa. Non é que che digan: “Aquí non entras”; pero si que te atopas rara alí.

Rosi: Pasounos de entrar nalgún sitio e facerse un silencio absoluto.

Contrasta esa situación co que viven nos festivais só femininos -citan por exemplo o Son da Industria, no que actuaron canda Su Garrido Pombo, entre outras-. “Estás no backstage e é como un comadreo, é algo moi bonito”, di Laura, e Rosi engade: “Nós non somos competidoras, os grupos masculinos parece que están todo día comparando a ver quen é mellor. Coas mulleres está guai, falas e aprendes mogollón”. A súa compañeira retoma a palabra para rematar a reflexión: “Estamos educadas para competir entre nós mesmas, así que chegar a estar a gusto, de igual a igual [con outras rapazas], é súper transgresor sendo o máis lóxico. É o dobre de satisfacción”.

Dobre tamén é a discriminación que sofren, por mulleres e por seren do rural, un aspecto, o da súa procedencia, que insisten en reivindicar. Fala Silvia: “Algunha vez, en Vigo, dalgún grupo galegofalante dixéronme: ‘Ti es do monte’. Non sei se mo dixeron para ben ou para mal, entendo que para mal (…) Parece que se viven na city te miran por riba do ombreiro, pasa na música e na vida en xeral”. Por exemplo, engade Laura, co desprezo cara aos instrumentos tradicionais, como as pandeiretas. Un dos seus temas é, precisamente, unha reivindicación desa figura, encarnada en Concha de Luneda. “Era artista, pero tamén muller brava, do rural, traballadora, independente. Ten parte das nosas avoas, das nosas nais, das nosas veciñas… desas loitadoras que levan moitos anos pelexando”.

Unha herdanza que as Flow do Toxo asumen con orgullo e á que lle pensan dar continuidade no segundo disco, no que seguirán apostando polo eclectismo nas súas bases -usan bumbap clásico, merengues, funk-rock…-, sen pensar moito se iso encaixa ou non coas etiquetas establecidas. Mentres lles sirva para berrar contra todo aquilo que as oprime, elas continuarán dando guerra: “Somos mulleres, do rural, e queremos facer música e ocupar espazos”.

flow de toxo diagonal
As Flow do Toxo (sen Rosi) poñense moito máis serias diante da cámara que da gravadora. | Ricardo Grobas

A MÚSICA DE VIGO, EN SEIS PREGUNTAS

O voso grupo/artista de Vigo favorito:

Flow do Toxo: Nadie González, High Paw, As Punkiereteiras.

Un sitio para tocar en Vigo:

Flow do Toxo: Calquera centro social ao que fomos convidadas, como por exemplo o Faísca.

O mellor concerto de Castrelos:

Flow do Toxo: Lauryn Hill, non hai moita representación galega en Castrelos….

Un grupo/artista de Vigo ao que reivindicar e que non ten o recoñecemento que merece.

Flow do Toxo: A música tradicional.

The next big thing da escena viguesa

Flow do Toxo: O concerto de Concerto de Tremenda Jauría + Sapoconcho + Flow do Toxo.

Que opinades da escena musical en Vigo?

Flow do Toxo: Menos luces e máis promoción á música galega en directo.

QUEN É QUEN

Flow do Toxo de risas. Javi Kano
Flow do Toxo, de risas. | Javi Kano

De esquerda a dereita, Flow do Toxo son:

Silvia Mella Alonso: Voz + pandeireta. Fotógrafa do grupo.

Silvia Rodríguez Gil: Voz + pandeireta. Pandereteira no grupo As Punkiereteiras, membro da batukada Som de Gringo. Organización do Festival das Brétemas (Ponteareas).

Rosa Mella Alonso: Voz + DJ.

Laura Prado Fernández: Voz + pandeireta. Pandereteira e acordeonista do grupo As Punkiereteiras, membro da batukada Som de Gringo. Organización do Festival das Brétemas (Ponteareas).

PLAYLIST

O material de Flow do Toxo está dispoñible en Youtube:  https://www.youtube.com/channel/UCx_RFfz2DBsEVzLAH7JADVw/feed

En cuatro notas


Rap (ou o que sexa) feminista, en galego e dende o rural é o que levou ás Flow do Toxo de ensaiar con lapis no canto de micros a ocupar palcos por medio país. En decembro pechan ciclo con dous concertos, antes de meterse a gravar o seu primeiro disco. “Non estamos educadas para subir a un escenario e poder berrar”, din sobre o patriarcado na música.